11 Xul 2019

O Consello Regulador felicita ás adegas e referencias da comarca distinguidas na XXXI Cata dos Viños de Galicia

O presidente da Cooperativa do Barco, á esquerda, recibiu o premio ao Mellor Tinto de Galicia de mans de Alberto Núñez Feijóo

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, quere felicitar en nome de todos os que conforman o organismo á Bodega Cooperativa Jesús Nazareno por terse erixido, onte, co Premio ao Mellor Tinto de Galicia 2019 na XXXI Cata dos Viños de Galicia, impulsada pola Xunta e celebrada en Boqueixón. O viño distinguido foi Menciño e trátase do primeiro premio grande que gaña Valdeorras nesta cata dende o ano 2015, no que se premiara á adega Quinta da Peza.

Paralelamente, García Pando traslada os parabéns do CRDO ás adegas Godeval e Joaquín Rebolledo, que gañaron cadanseu acio de ouro –en branco e tinto respectivamente- na XXXI Cata dos Viños de Galicia.

O xerente da Cooperativa do Barco, Alfredo Vázquez, congrátulase polo premio e bríndallo a “todos os viticultores da organización polo gran esforzo realizado nestes anos. Tamén quixo facer partícipes do galardón a todos os seus clientes e consumidores.

Menciño, da Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, foi elixido Mellor Viño Tinto de Galicia 2019

Seguir adiante con motivación
Por outra banda, a xerente de Bodegas Godeval, Araceli Fernández, manifestou que “para nós supón unha gran satisfacción o Acio de Ouro obtido”. “Os premios sempre che axudan a seguir adiante cunha maior motivación. Este é un labor de equipo e o noso obxectivo sempre é sacar ao mercado un viño excelente que guste a maior parte da xente”.

Finalmente, o xerente de Joaquín Rebolledo, José Ramón Rodríguez, asegurou que “para a nosa adega gañar este premio na Cata dos Viños de Galicia é algo moi especial porque se compite coa maioría das bodegas galegas e porque é unha cata cega moi consolidada no sector, que sempre ten unha importante repercusión na comercialización”.

Godeval e Joaquín Rebolledo recibiron o Acio de Ouro ao Mellor Branco e o Mellor Tinto da D.O. Valdeorras, respectivamente

[arriba]

Novas Anteriores