O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras participa por primeira vez no prestixioso Salón Vinexpo de Burdeos
Un total de 14 adegas e 28 marcas de viño do territorio amparado de Valdeorras teñen presenza nestes días no espazo expositor que o Consello Regulador ten activo no prestixioso salón Vinexpo de Burdeos. “Trátase da primeira vez que os nosos viños participan neste foro”, destaca García Pando, quen enfatiza tamén “o poderoso escaparate promocional que este salón representa para os brancos e tintos valdeorreses, posto que nos seus 70.000 metros cadrados de exposición participarán máis de 1.600 empresas do mercado do viño e dos licores de 29 países diferentes”.
Pendente sempre dos retos aos que se enfronta o eido vinícola, o salón Vinexpo de Burdeos reunirá tamén a economistas, investigadores e produtores para poñer o foco, en modo de relatorios específicos, sobre tres puntos destacados: o impacto do cambio climático nos viñedos de todo o mundo, o funcionamento das adegas e o proceso da elaboración do viño e, por último, a economía do viño.
Neste foro especializado, que deu comezo onte e remata o vindeiro xoves participan máis de 1.600 empresas e organizacións de 29 países
Adegas participantes
No stand do C.R.D.O. Valdeorras en Vinexpo teñen presenza 14 adegas da comarca: A Coroa; Terriña S.L.; Guitián y Blanco S.C; Sampayolo S.L; O Luar do Sil S.L; Avelina S.A.T; Adega da Pinguela; Adega Melillas e Fillos; Joaquín Rebolledo S.A.; Quinta da Peza S.L.; Santa Marta S.A.T., Alán S.A.T; Bodegas Godeval S.L. e O Casal S.A.T.