03 Mar 2018

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras protagoniza o V Campionato de Sumillería “Suso Domínguez”, que gaña o burelés Juan Rubiños

O estudante burelés Juan Rubiños, do IES de Foz, foi o gañador do V Campionato de Sumillería “Suso Domínguez”, iniciativa que contou coa participación do Consello Regulador da D.O. Valdeorras como entidade colaboradora. Neste campionato participaron 12 alumnos de diversas escolas de hostalaría de Galicia, Asturias, norte de Portugal e Francia.

A V edición desta competición estivo especialmente dedicada á D.O. de Valdeorras mediante a posta en marcha dun programa especial centrado nas singularidades dos viños da comarca. Así, os participantes no campionato houberon de responder a un cuestionario específico con preguntas ao respecto da nosa D.O: tipo de viños, variedades de uva, clases de solo e clima predominante, entre outros aspectos.

Na iniciativa, celebrada en Pontevedra, participaron alumnos procedentes de escolas de hostalaría de Galicia, Asturias, norte de Portugal e Francia

Xunto a isto, os concursantes tiveron que identificar o branco que procedía de Valdeorras, nunha cata a cegas na que había outros catro viños doutras denominacións de orixe. Tamén houbo unha decantación dun viño tinto de Valdeorras, na que os concursantes tiveron que explicar o motivo da elección do tipo de copa e decantador para resaltar as características dos nosos viños. Finalmente, houbo unha proba de cociña, na que os aspirantes debían propor maridaxes equilibradas cos viños valdeorreses.

Suso Domínguez
O campionato contou cun xurado presidido por Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño, do que formou parte o director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira. O Campionato de Sumillería “Suso Domínguez” celebrouse por vez primeira no ano 2014 e rende homenaxe á figura do prestixioso sumiller e profesor Suso Domínguez, que fora xefe de estudos do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.

[arriba]

Novas Anteriores