29 Set 2020

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras mellorará o sistema de xestión da certificación de produto (SGC) co apoio da Universidade de Vigo

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras aprobou hoxe a sinatura dun novo convenio entre o organismo e a Universidade de Vigo para introducir melloras no seu Sistema de Xestión da Certificación de Produto (SGC). “Esta colaboración, iniciada en 2018, foi fundamental para obtermos a certificación ENAC, que pretendemos revalidar o ano que vén, de novo coa colaboración do Grupo de Enxeñaría de Organización do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo”, manifestou o presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando.

A colaboración que se vai promover entre o Consello Regulador e a Universidade de Vigo permitirá a plena integración no SGC dos novos métodos de análises sensoriais do Panel de Cata do Consello Regulador, nos que se ven traballando dende hai tempo.

 Membros do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo colaborarán co organismo para o cumprimento dos parámetros da nova auditoría de seguimento da certificación ENAC, que se desenvolverá en 2021

Plan de traballo conxunto
Neste sentido, o plan de traballo conxunto entre a D.O. Valdeorras e a Universidade de Vigo permitirá a continuación do asesoramento na consolidación e mellora da implantación do SGC. O Consello Regulador poderá reclamar a presenza dos técnicos da Universidade en catas e probas do Panel de Cata ou nos plenos do organismo para proporcionar información ou resolver dúbidas sobre a certificación ENAC.

Tamén se poderá solicitar a presenza dos técnicos en reunións ou sesións do Comité de Garantías e durante todo o proceso de cumprimento da nova auditoría de ENAC, que terá lugar previsiblemente en febreiro de 2021.

A acreditación é unha esixencia da OCM comunitaria para todos os órganos de control de calidade dos consellos reguladores.

[arriba]

Novas Anteriores