24 Xan 2020

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras iniciará os trámites para recoñecer e amparar viños rosados

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, reunido esta mañá na sede do organismo, decidiu iniciar os trámites para recoñecer e amparar, no seu prego de condicións, viños rosados. Deste xeito, o territorio amparado valdeorrés sigue a senda doutras denominacións de orixe galegas que decidiron amparar esta tipoloxía de viños que “cada vez contan cunha meirande aceptación no mercado”, tal e como salienta o presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando.

De feito, malia que sen estar aínda amparados polo selo de calidade ou marchamo da D.O., na comarca de Valdeorras “polo menos sete adegas están xa a elaborar este tipo de viños”. Ao iniciar os trámites para o seu recoñecemento, “o Consello Regulador da resposta ás demandas destas adegas”, conclúe García Pando.

Así o decidiu o Pleno do organismo, que responde deste xeito a unha demanda das sete adegas que producen esta tipoloxía de viños na comarca

Máis alá dos godellos e mencías
Para o presidente do Consello Regulador, “incoporar os rosados ao prego de condicións do territorio amparado enriquecerá, sen lugar a dúbidas, o catálogo de produtos vinícolas da D.O. posto que evidencia o extraordinario potencial do territorio amparado máis alá dos godellos e mencías”.

Xunto a isto, o Pleno do Consello Regulador decidiu hoxe participar nas feiras de Prowein, que entre o 15 e o 17 de marzo se celebra na cidade alemá de Düsseldorf, e na Wine & Gourmet de Tokio, que terá lugar na capital nipona entre o 15 e o 17 de abril. O organismo tamén participará, xunto a outras denominacións de orixe galegas, nun evento promocional conxunto promovido polo Igape en Londres (Decanter Spain & Portugal – Fine Wine Encounter) o vindeiro 29 de febreiro.

 

[arriba]

Novas Anteriores