/* */ O Consello Regulador aproba as primeiras accións promocionais para 2024: presenza en Paris Wine & Vinexpo, en febreiro, e Feira do Viño, en xuño
18 Dec 2023

O Consello Regulador aproba as primeiras accións promocionais para 2024: presenza en Paris Wine & Vinexpo, en febreiro, e Feira do Viño, en xuño

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, reunido esta mañá, deu o seu visto bo á participación do organismo na Feira Paris Wine & Vinexpo París, unha das máis relevantes de Europa, que se celebrará en París entre o 12 e o 14 de febreiro.

O Consello Regulador acudirá a este evento internacional baixo o paraugas da Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.XX. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) constituída ao abeiro dun convenio asiando entre estes organismos e o IGAPE.

Deste xeito, a promoción dos viños que se realice en París será conxunta coa doutros territorios amparados galegos e apoiada pola Xunta de Galicia, se ben o espazo expositivo común no salón parisino contará con corners específicos para cada un dos consellos reguladores.

Doutra banda, o Pleno do organismo aprobou a celebración da que será a XXV Feira do Viño de Valdeorras no mes de xuño. En concreto, as datas elixidas son o 8 e o 9 de xuño.

Intensificación da promoción
“A xuntanza plenaria de hoxe evidencia que un dos obxectivos fundamentais do organismo para 2024 vai ser o da intensificación da promoción dos nosos viños e adegas. Á potente campaña que acabamos de presentar hai poucas semanas, sumarase a nosa presenza en diferentes foros nacionais e internacionais para seguir dando a coñecer os brancos e tintos da nosa comarca entre novos públicos”, destaca o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos.

“Tamén será moi especial a Feira do Viño de Valdeorras o ano que vén, posto que o foro acada o seu 25 aniversario e isto merece ser celebrado dun xeito especial, cunha coidada planificación de actividades que iremos comunicando paseniñamente”, conclúe o máximo responsable da D.O.

Brinde de Nadal dos vogais e os traballadores do Consello Regulador, celebrado ao rematar o pleno de hoxe

[arriba]

Novas Anteriores