24 Mar 2021

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras aposta pola promoción dos seus viños tostados

O historiador Xavier Castro, autor da obra Tostado. El vino noble de Galicia, visitou estes días o territorio amparado valdeorrés para recabar información sobre os tostados da comarca de cara á reedición da súa publicación. “Tiven a sorte estes días de coñecer en profundidade as características do viño tostado de Valdeorras. Visitamos as adegas que xa o están elaborando e comercializando baixo a etiqueta do Consello Regulador e probamos os seus excelentes tostados”, indicou Castro nunha rolda de prensa conxunta xunto ao presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando.

“Tamén tiven a sorte de coñecer a viticultores que nas súas casas levan décadas elaborándoo de forma tradicional, moitos dende o século XIX, e coñecer as súas historias. Visitamos Seadur, Córgomo e Vilamartín de Valdeorras e puiden saborear tostados e viños de gran calidade nunhas espectaculares covas subterráneas”, abondou.

Pola súa banda, García Pando indicou que “o tostado é un dos grandes tesouros de Valdeorras. Dende o Consello Regulador pensamos que pode ter unha gran proxección no mercado pola súa calidade e pola diferenciacióm que as variedades de uvas valdeorresas, principalmente o godello, achegan a este tipo de viño”

O historiador Xavier Castro visita estes días o territorio amparado para recabar información para a reedición do seu libro “Tostado. El vino noble de Galicia”

Reedición da obra
Xavier Castro indicou tamén que cando descubriu os tostados decidiu “facer un libro analizando históricamente a súa relevancia”. “Na primeira edición desta obra non puiden estenderme sobre o tostado elaborado en Valdeorras como me gustaría, e por iso aproveitei esta invitación da D.O. para ampliar a miña documentación e preparar unha nova edición aumentada, que terá capitulos especificos dedicados a esta comarca”, precisou.

Xunto a isto, o autor sinalou que lle sorprendeu especialmente a calidade dos tostados monovarietais co godello é “realmente excepcional”, pero que tamén lle sorprenderon os elaborados con garnacha e con coupage de godello, garnacha e mencía.

 

[arriba]

Novas Anteriores