20 Abr 2017

O Consello Regulador colaborará nun proxecto impulsado pola Estación Enolóxica de Haro para favorecer a identificación de variedades de viño e garantir a súa orixe

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras colaborará coa Estación Enolóxica de Haro, na Rioxa, na obtención da “pegada dactilar” de diferentes variedades que esta entidade está a impulsar coa finalidade de configurar un completo mapa de viños en España. A iniciativa ten como finalidade identificar máis de medio cento de parámetros de cada mostra do viño para favorecer a identificación das características que mellor definen a cada variedade de uva, garantir a súa orixe e realizar un seguemento da evolución das colleitas.

 Trátase de obter a “pegada dactilar” de diferentes variedades vinícolas de España

O presidente do Consello Regulador informou hoxe aos membros do Pleno do organismo da vontade de colaborar nesta acción impulsada desde A Rioxa. Xunto a isto, o Pleno do Consello Regulador aprobou hoxe a creación dunha bolsa de emprego na entidade. Deste xeito, elaborarase unha listaxe de currículums de persoas interesadas en traballar no organismo cando as circunstancias o requiran (para cubrir, principalmente, situacións de baixa, vacacións ou permisos laborais dos empregados actuais).

Hologramas
Paralelamente, a xuntanxa de hoxe serviu para dar luz verde á elección dunha empresa que se responsabilice de fabricar os hologramas nas contraetiquetas dos viños da D.O. Estas tiras teñen funcionan como elemento de seguridade e garanten o control e a procedencia dos viños da comarca. Deste xeito, segundo asegurou o presidente do Consello Regulador no Pleno, “protexemos a imaxe dos viños da comarca e contribuímos a evitar fraudes”.

Finalmente, na reunión desta mañá decidiuse tamén contratar unha empresa informática para instaurar un sistema que permita a mellora das comunicacións entre o Consello Regulador e as bodegas.

[arriba]

Novas Anteriores