31 Ago 2019

O Consello Regulador apoia a iniciativa “Valdeorras: Denominación de cine” porque o “viño faise na viña, pero tamén na sociedade”

A iniciativa “Valdeorras: Denominación de Cine” que promoveu, ao longo de toda a semana, a rodaxe de curtas no territorio amparado da comarca presentou esta mañá, nun acto en  Vilamartín de Valdeorras, aos membros do xurado que avaliarán as pezas que se presentan a concurso. No decurso da presentación, tomou a palabra en representación do C.R.D.O Valdeorras, Araceli Fernández, vogal do organismo, para sinalar que a entidade decidiu apoiar esta iniciativa porque é consciente de que “o viño faise na viña, pero tamén na sociedade”.

Fernández, que participou no acto xunto ao presidente e ao vicepresidente do Consello Regulador, amosouse convencida de que este certame vai axudar “a dar a coñecer a nosa terra, a nosa historia e os nosos viños. “Agardamos que grazas a este proxecto, os que chegastes a esta terra teñades descuberto e atopado o diferente e auténtico que Valdeorras ten e quere amosar”, concluíu.

O certame “Valdeorras: Denominación de Cine” clausurarase mañá nun acto que terá lugar en Xagoaza e no que se entregarán os premios ás curtas gañadoras

Pola súa banda, Xavi Castro e Olalla Rodríguez, responsables de Sintelobos Producións (produtora encargada de promover a iniciativa), agradeceron o feito de que o Consello Regulador apostase pola iniciativa, que definiron de “apaixoado proxecto”. “Ao principio semellaba unha idea un pouco tola, pero pouco a pouco foise afianzando e a día de hoxe, con 11 curtas presentadas, podemos afirmar que ten sido un éxito”, sinalou Rodríguez.

O certame “Valdeorras: Denominación de Cine” clausurarase mañá nun acto que terá lugar en Xagoaza e no que se entregarán os premios ás curtas gañadoras.

Membros do xurado
Os premios das oito categorías marcadas irán desde os 100 ata os 1.500€. Os proxectos  serán avaliados por un xurado, presentado esta mañá, e que estará integrado, entre outros, por Carlos Iglesias, director, guionista y actor; José Pozo e Eli Terry, de Inmminet Producciones (produtora do Principado de Andorra), Octavi Pujades, actor, e Christian Escudero, actor e cantante natural do Barco de Valdeorras.

[arriba]

Novas Anteriores