18 Feb 2019

O C.R.D.O. Valdeorras abandeira Galivino, un grupo operativo que traballa na creación de ferramentas que permitan certificar a orixe dos viños galegos

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras é a entidade encargada de coordinar o grupo operativo autonómico Galivino, que traballa no deseño e implementación de ferramentas que permitan certificar a orixe dos viños galegos. Xunto ao  C.R.D.O Valdeorras, participan neste proxecto a Axencia Galega de Calidade Alimentaria –a través da EVEGA-, a Universidade de Vigo e a Fundación Empresa-Universidade Galega.

O proxecto posúe un orzamento de 99.923,27 euros, dos que un 75% proceden de fondos europeos. “Desenvolver modelos de predicción de orixe en viños das denominacións de orixe galega que permitan evitar o fraude, garantir a trazabilidade da produción vitivinícola e por en valor as variedades autóctonas” constitúe –segundo o presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, “a finalidade última de Galivino”.

O proxecto conta cun orzamento de case 100.000 euros, dos que o 75% procede de fondos europeos

 Unha demanda crecente
Precisamente, o control da calidade do viño e a veracidade da súa orixe representa “unha demanda crecente” para moitos consumidores, tal
e como abunda García Pando. Por este motivo, o proxecto Galivino proporá novas técnicas e metodoloxías que permitan certificar a orixe dos viños galegos e proporcionar claves de diferenciación por denominación de orixe, variedade de uva e colleita. Todo isto contribuirá a “aumentar a competitividade” e “abrir novos mercados” para os viños galegos, conclúe o presidente do Consello Regulador.

Neste sentido, os obxectivos específicos do proxecto Galivino son os seguintes:

  – Entender as diferenzas entre as características analizadas nos viños, xa sexan brancos ou tintos, atendendo á interacción entre as D.O. variedade de uva e colleita

  – Obter unha base de datos con perfís (pegada dixital) dos viños galegos procedentes das diferentes denominacións de orixe

  – Desenvolver e implementar unha metodoloxía rápida e eficaz e protocolos de tomas de decisión para autentificar a orixe dos viños galegos e elaborar un informe de resultados e recomendacións

  – Favorecer viños galegos diferenciados con valor engadido

 Entidades beneficiadas
O proxecto Galivino terá nos adegueiros e viticultores os seus grandes beneficiados. Pero tamén contribuirá a optimizar o labor dos consellos reguladores e das denominacións de orixe; dos agricultores, das empresas de explotación e transformación; dos centros de investigación e das administracións públicas relacionadas coa agricultura e o desenvolvemento rural.

[arriba]

Novas Anteriores