03 Xul 2017

O actor Javier Veiga será o pregoeiro da XX Feira do viño de Valdeorras, que se celebrará o 15 e o 16 de xullo no Barco

O actor Javier Veiga será o encargado de pronunciar o pregón na vindeira Feira do Viño de Valdeorras, que este ano acada a súa vixésima edición. Así o revelou esta mañá o presidente do Consello Regulador, Francisco García, nunha comparecencia informativa xunto ao alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e ao deputado provincial, Juan Anta, para presentar o foro que se desenvolverá na Praza de Viloira os vindeiros 15 e 16 de xullo.

O acto inaugural terá lugar o sábado 15 pola mañá e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. A día de hoxe, segundo comunicou o presidente do Consello Regulador, “hai 14 bodegas confirmadas para a feira, pero o prazo segue aberto polo que esperamos ampliar o número nos vindeiros días”.

O alcalde do Barco, Alfredo García,  o presidente do Consello Regulador, Francisco García, e o alcalde da Veiga, Juan Anta, en representación da Deputación Provincial, presentaron hoxe o programa da feira

Eventos paralelos
A feira contará cun programa completo de eventos paralelos, que se iniciará cun curso sobre novas tecnoloxías aplicadas á venda de viño, que se promoverá en colaboración coa Evega o vindeiro día 6 no salón de actos do Concello do Barco. Ademais, ao igual que en anos anteriores, celebrarase unha cata profesional na xornada do venres 14 e o domingo entregaranse os premios ás bodegas gañadoras neste certame oficial.

Xunto a isto, os días 13 e 14 celebrarase a segunda ruta dos pinchos de Valdeorras, que o Consello Regulador da D.O. Valdeorras pora en marcha en colaboración co Concello do Barco, con AEVA e co centro comercial aberto do Barco. Participan nesta iniciativa un total de 17 establecementos da zona.

Paralelamente, ao longo das dúas xornadas haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. Ademais, o sábado pola tarde celebrarase un show de cociña no recinto feiral a cargo de Flavio Morganti, chef dos restaurantes Galileo e Galigola de Ourense.

Tamén se porá en marcha de novo o tren Valdeorras Expreso para facilitar os desprazamentos de ida e volta ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á Praza de Viloira.

Cartel ilustrador
O cartel ilustrador da feira, para o que se convocou un concurso no que participou xente de toda España, é obra de Víctor Miranda, un mozo de 40 anos natural do Barco que traballa na Coruña no eido da publicidade e do marketing. “Como vedes, o protagonismo do cartel é case exclusivo para o godello. Verdadeiramente, esta variedade –tan en boga na actualidade- constitúe o sinal de identidade da nosa  D.O, xa que representa máis do 50% da produción vinícola na zona”, sinalou o presidente do Consello Regulador na comparecencia informativa de hoxe.

“Malia que 2017 está a ser un ano complicado para os membros do sector de Valdeorras por mor das xeadas do mes de abril” –proseguiu- “confiamos en salvar os mobles e que o godello nos siga a dar alegrías”. “Tendo en conta a situación actual e, como non pode ser doutro xeito, imos reivindicar o valor e a fortaleza do sector vitivinícola da comarca na vindeira Feira do Viño. E volveremos a incidir na importancia de que se concedan axudas directas aos afectados polos fenómenos meteorolóxicos adversos”, apostilou Francisco García.

Guía de viños e bodegas
Finalmente, o presidente da D.O. aproveitou a rolda de prensa  de hoxe para presentar un catálogo editado recentemente polo Consello Regulador. Trátase dunha publicación que recolle en detalle información de cada unhas bodegas amparadas baixo o selo de calidade de Valdeorras e dos viños que éstas producen. “O seu obxectivo é contribuír a posicionar os nosos brancos e tintos en diferentes ámbitos: feiras no exterior, accións comerciais, etc”, destacou Francisco García.

“Estou seguro de que esta guía vai permitir que moitos dos nosos prescritores e consumidores finais coñezan máis pormenorizadamente as nosas marcas e o noso potencial”, concluíu.

Francisco García aproveitou a rolda de prensa para presentar tamén unha publicación editada recentemente polo Consello Regulador que detalla pormenorizadamente as bodegas e viños da comarca

[arriba]

Novas Anteriores