02 Mar 2017

O actor Javier Veiga conducirá o acto de presentación da colleita 2016 dos viños de Valdeorras

O Consello Regulador promove a presentación pública da añada 2016 de Valdeorras, que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 6 de marzo. O acto, que dará comezo ás 18.00 horas, estará conducido polo actor galego Javier Veiga. Na presentación, que terá lugar na Finca Trece Pinos, agárdase reunir a destacados representantes do eido institucional, económico-empresarial, social e político de Galicia; así como a distribudiores de viño e restauradores galegos (algúns deles distinguidos coa Estrela Michelín). Entre outras autoridades, confirmou xa a súa presenza a directora xeral de Gandaría e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, Belén do Campo.

 A añada porase en valor no decurso dun evento que se celebrará en Santiago o vindeiro luns

As bodegas da comarca interesadas en participar neste acto están a enviar as súas referencias de viño nestes días ao Consello Regulador, para que sexan trasladadas a Santiago. Ata o momento teñen confirmado a súa participación 15 bodegas, que exhibirán máis de 30 referencias distintas de brancos e tintos da zona. No marco do evento, ademais, celebrarase unha cata comentada que estará dirixida polo responsable do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, e, paralalemente, disporase un túnel do viño para que os asistentes poidan degustar algúns dos brancos e tintos máis salientables de Valdeorras.

Aquelas persoas da comarca interesadas en asistir ao acto disporán dun autobús de balde que saíra desde a sede do Consello Regulador o vindeiro luns ás 14,00 horas. Para facer uso deste servizo, unicamente teñen que chamar para anotarse ao número de teléfono da sede da D.O.: 988 30 02 95.

[arriba]

Novas Anteriores