06 Nov 2017

Nove adegas de Valdeorras participan na Feira Internacional de Viño de Hong Kong, que comeza o vindeiro xoves

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras participará entre o 9 e o 11 deste mes de novembro na Hong Kong International Wine and Spirits Fair, “unha das feiras vinícolas máis relevantes de cantas se celebran no continente asiático”, segundo destaca o presidente do organismo, José Luis García Pando. “O consumidor medio chinés dispón cada vez dun maior poder adquisitivo e valora moito os viños europeos. Por iso, é un enorme mercado potencial que debemos ter moi en conta á hora de exportar”, engade.

O Consello Regulador habilita un espazo expositor neste foro

O presidente do Consello Regulador desprazarase ata Hong Kong xunto ao director técnico do organismo. Ambos os dous agardan, durante os tres días que dure a feira “entablar contacto directo con potenciais distribuidores, restauradores, xornalistas especializados e outros grupos de interese que poidan actuar no territorio chinés como prescritores dos viños de Valdeorras”. Xunto a isto, a idea é “chegar tamén directamente aos consumidores finais, posto que se trata dun evento que visita un gran número de persoas”.

O espazo expositor da D.O. Valdeorras, de nove metros cadrados, emprázase no Pavillón de España do recinto feiral (3D-A03). Neste stand, un total de nove adegas da comarca exhibirán as súas referencias de brancos e tintos: Manuel Corzo; A Coroa S.A.T; Terriña S.L; Sampayolo S.L; Adega Melillas e Fillos S.L; Roandi S.L; Viña Somoza, Bodegas e Viñedos S.L; Bodega Cooperativa Jesús Nazareno S.C.G e Viña Fornos GRS C.B. Ademais, os viños valdeorreses serán tamén protagonistas nun seminario que o ICEX organizará, no marco da feira, na zona de Tasting do Pavillón de España.

[arriba]

Novas Anteriores