08 Abr 2015

Masters of Wine visitarán por primeira vez Valdeorras.

Os Master of Wine coñecerán viñedos, adegas  e catarán mencías e godellos da D.O. de Valdeorras os días 14 e 15 de abril.

masters-of-wine

A Denominación de Orixe Valdeorras recibirá por primeira vez a visita dos maiores expertos internacionais no mundo do viño, os coñecidos como Masters of Wine. Durante dous días, o 14 e o 15 de abril, 18 Masters of Wine estarán en terras valdeorresas para coñecer os viñedos e catar os viños, “o que constituirá unha ocasión única de darnos a coñecer no mundo” explica o presidente do Consello Regulador, José Vicente Solarat. Os visitantes están moi interesados en ver e coñecer in situ as viñas e os terreos nos que se asentan, así como ter a oportunidade de catar unha gran cantidade de marcas amparadas pola DOP. A visita está organizada dende o Consello Regulador Valdeorras e dúas adegas ofrecerán a cea e a comida durante a súa estancia. Os Masters of Wine que visitarán a comarca do oriente ourensán son na súa maioría ingleses, aínda que tamén estarán no grupo outros procedentes de Australia, USA,  Noruega,Suecia, Alemaña e Irlanda. No grupo non faltará o Master of Wine español, Pedro Ballesteros, que ademais realizará labores de anfitrión. Este será o primeiro viaxe oficial que realizan a Galicia e o primeiro a España desde 2007. Durante unha semana visitarán as 5 denominacións galegas.

ACTIVIDADE EN VALDEORRAS. MASTERS OF WINE

Os Masters of Wine chegarán a terras valdeorresas na tarde do martes 14 de abril. Serán recibidos polo presidente do Consello Regulador, José Vicente Solarat e a continuación realizarán unha cata duns 40 viños de adegas da DOP. Unha vez rematada a cata desprazaranse ata unha adega para coñecer a súas instalacións e cear nelas. Ao día seguinte pola mañá continuarán con visitas a viñedos e adegas, e ao mediodía serán recibidos noutra adega onde lle ofrecerán unha comida e unha cata vertical de godellos.

 

 

 

 

[arriba]

Novas Anteriores