20 Nov 2018

Málaga, nova parada promocional dos viños de Valdeorras

“Divulgar a singularidade dos nosos viños no sur de España e optimizar o seu grao de coñecemento nun territorio con moito potencial como é Andalucía”. Estes son, segundo sinala José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, os obxectivos das accións promocionais dos brancos e tintos da comarca que estes días se desenvolven en Málaga.

“Tanto o sur de España coma o levante constitúen mercados moi interesantes para nós”, engade o presidente do Consello Regulador. “Ata o de agora, en Andalucía, unicamente fixeramos unha acción promocional na localidade de Torremolinos hai anos e, por iso, consideramos que aínda nos queda moito por explorar neste ámbito xeográfico”, asegura García Pando. “Isto decidiunos a apostar por Málaga este ano”, apostila.

Máis de 40 profesionais do sector
A resposta das adegas a este conxunto de accións impulsado desde o Consello Regulador foi moi satisfactoria”, destaca tamén García Pando, “xa que na presentación de onte participaron 22, cun total de 42 referencias”. O evento, que se celebrou nun coñecido restaurante malagueño, foi complementado cunha cata comentada e cunha comida maridada na que participaron máis de 40 profesionais do sector.

Os actos promocionais de Valdeorras continúan hoxe martes co desenvolvemento de cadansúa sesión informativa sobre os viños da comarca nas dúas escolas de hostalaría máis relevantes da provincia. Cada unha destas escolas acollerá, igualmente, unha cata comentada de produto.

Un total de 22 adegas da comarca participan na capital da Costa do Sol en diversas accións de marketing promovidas desde o Consello Regulador

 

[arriba]

Novas Anteriores