17 Abr 2023

José Ramón Rodríguez Castellanos traslada a Baltar en Ourense o obxectivo da D.O. de promover a elaboración de viños que posúan aínda “unha maior identidade”

José Ramón Rodríguez Castellanos, investido hai poucas semanas como novo máximo responsable do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, mantivo este mediodía en Ourense o seu primeiro encontro institucional co presidente da Deputación Provincial, José Manuel Baltar. Unha xuntanza que serviu como primeira toma de contacto e na que se abordaron os retos aos que cómpre facer fronte no sector vitivinícola de Valdeorras para seguir situando os brancos e tintos da D.O. como referentes de prestixio.

Entre estes obxectivos, Rodríguez Castellanos sinalou que se precisa poñer o acento no control de calidade, para obter viños que posúan aínda “unha maior identidade”, e na intensificación da promoción favorecendo, particularmente, que as adegas da comarca presenten as súas referencias e se volvan reivindicar nos principais concursos nacionais e internacionais.

Xunto a isto, o novo presidente da D.O. agradeceu a Baltar a achega económica facilitada pola Deputación Provincial para acometer obras de acondicionamento na sé do Consello Regulador, en Vilamartín de Valdeorras. Unha achega de 80.000 euros que permitiu rematar moi recentemente estas obras de mellora no emprazamento do organismo.

Rodríguez Castellanos acudiu á xuntanza co presidente da Deputación Provincial de Ourense acompañado do vicepresidente do C.R.D.O. Valdeorras, Roberto Fernández, e do vogal do organismo, José Guitián.

 

[arriba]

Novas Anteriores