28 Mar 2023

Intensificación da promoción, apertura de novos mercados, aposta pola calidade e o control da orixe, e apoio permanente ao sector vitivinícola; obxectivos do novo equipo de goberno do Consello Regulador

O novo equipo de Goberno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, con José Ramón Rodríguez Castellanos á cabeza, reuniuse hoxe por vez primeira nun Pleno que se celebrou nas instalacións do organismo en Vilarmartín de Valdeorras. Nesta xuntanza, Rodríguez Castellanos abordou perante os novos vogais da D.O. cales van a ser os eixos vertebradores do seu mandato.

En liña co labor feito polo anterior presidente, José Luis García Pando, do que eloxiou “o seu traballo, dedicación e bo facer continuo” en prol do sector vitivinícola da comarca, Rodríguez Castellanos detallou que os obxectivos para os próximos catro anos van ter moita en conta o traballo feito ata o de agora, sobre todo no que ten que ver coa promoción dos viños de Valdeorras, “estratexia coa que se tentará chegar a novos mercados, acudindo ás feiras e foros máis relevantes de España e de Europa para dar a coñocer os brancos e tintos da comarca”.

A aposta pola calidade, para que os godellos continúen a ser o “emblema indiscutible” da Denominación de Orixe, sempre tendo en conta tamén outras variedades relevantes como a mencía e, mesmo, minoritarias, pero que cada vez gozan dunha meirande aceptación no mercado como “pode ser o caso da garnacha tintorera” tamén van constituír “obxectivos irrenunciables” para o novo presidente do Consello Regulador.

Cumprimento dos parámetros de ENAC
Neste sentido, asegurou que o control da orixe da uva e o cumprimento cos parámetros que fixa ENAC seguirán sendo “indispensables” para “reforzar e certificar os nosos viños, todos os procedementos de trazabilidade e consolidar a marca Valdeorras”.

Por último, non se quixo esquecer José Ramón Rodríguez Castellanos dunha das cuestións máis relevantes para o novo mandato, que hoxe se inicia: “ser un piar fundamental de apoio e asesoramento para os viticultores, adegueiros e cooperativas da comarca, co obxectivo de que poidan situar os seus produtos no mercado aos mellores prezos posibles e conseguir que o número de litros de viño cualificados pola D.O. vaia en aumento cada ano”.

 

Defensa do sector
“O noso obxectivo último é traballar na defensa do sector vitivinícola valdeorrés e, a esta liña de traballo, imos prestar unha atención preferentes”, destacou o presidente do Consello Regulador.

O Pleno do organismo estudou tamén un primeiro borrador de orzamentos para o vindeiro exercicio, que supera os 700.000 euros e que pon o acento, especialmente, nas accións de promoción. O obxectivo do Pleno, tras estudar o documento, é poder aprobalo proximamente.

 

[arriba]

Novas Anteriores