08 Mar 2022

Ibiza, A Coruña, Barcelona e Madrid, entre os destinos nos que se darán a coñecer os viños de Valdeorras

Os viños de Valdeorras danse a coñecer hoxe en Ibiza no marco dun acto promocional impulsado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe en colaboración con Vidivinos. “Con esta acción promocional, pretendemos divulgar o potencial dos nosos viños en novos territorios do Estado que consideramos prioritarios en termos de mercado”, sinala ao respecto desta acción promocional o presidente do C.R.D.O. Valdeorras, José Luis García Pando.

Ademais de Ibiza, as cidades da Coruña, Madrid e Barcelona acollerán nas vindeiras semanas diferentes actividades divulgativas dos viños do territorio amparado valdeorrés. En concreto, na Coruña está previsto realizar o 19 de marzo unha cata comentada polo director técnico da D.O. baixo o título Valdeorras, terra de viñedo. Será no mercado herculino de San Agustín.

Xunto a isto, os viños de Valdeorras viaxarán ata a Barcelona Wine Week entre o 4 e o 6 de abril e tamén se presentarán no Salón Gourmets de Madrid entre o 25 e o 28 de abril. Paralelamente, baixo o paraugas da Asociación de Consellos Reguladores (ACRUAGA) está previsto que diferentes referencias de brancos e tintos da comarca se dean a coñecer na London Wine Fair, no mes de xuño.

O Consello Regulador realizará durante os próximos meses unha intensa campaña promocional en diferentes territorios do Estado

[arriba]

Novas Anteriores