14 Set 2017

Hoxe presentouse a campaña de promoción “Cinco gallegas en Madrid”

Turismo de Galicia presentou hoxe a campaña de promoción vitivinícola “5 Galegas en Madrid”. As cinco denominacións de orixe do viño de Galicia (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra) foron as grandes protagonistas dun evento celebrado no espazo enolóxico Lavinia. O acto contou coa participación de Ana Pastor, presidenta do Congreso dos Deputados. Ademais, Nava Castro, directora de Turismo de Galicia e Matilde Asian, secretaria de Estado de Turismo, foron as encargadas de dar a benvida ás simpáticas 5 Galegas.

A campaña ten por obxectivo impulsar a consolidación de Galicia como destino turístico de calidade para ser visitado durante todo o ano. “As D.O. condensan o mellor de Galicia, un destino de calidade que non deixa de medrar. O ano pasado rozamos os 5 millóns de turistas e este ano estamos xa un 3,2% por riba desas cifras”, afirmou Nava Castro.

Turismo de Galicia promocionará en Madrid e Paris as denominacións de orixe galegas: Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra

De esquerda a dereita, Nava Castro, Matilde Asian, Lucía Freitas e Ana Pastor

Experiencia gastronómica única
Ana Pastor quixo destacar a orixinalidade da campaña porque “vai axudar a despertar o interese polos sabores e aromas da nosa terra. Gústame por en valor os nosos viños galegos. As bodegas galegas recuperan hoxe importantes tradicións do viño da terra, un coñecemento enolóxico de vangarda e un particular amor pola cultura do viño. Neste sentido, os nosos viños son axeitados para redondear unha experiencia gastronómica única”.

Pola súa banda, Matilde Asian destacou o valor do enoturismo por ser un elemento dinamizador da economía, diversificador da oferta e desestacionalizador da demanda. “Ten un potencial extraordinario e constitúe un produto prioritario e transversal da estratexia de promoción turística de España xa que ten un peso crecente na demanda, en especial no interior”.

Tomando como punto de partida os valores emocionais e racionais implícitos no concepto “viños galegos” e na marca “Galicia”, Turismo de Galicia quixo dotar de personalidade a cada unha das denominacións de orixe, destacando dun xeito simpático os recursos enolóxicos e turísticos de cada destino, “porque Galicia é tradición, pero tamén é vangarda”, segundo destacou Nava Castro.

Os asistentes ao acto de presentación da campaña puideron desfrutar da gastronomía galega grazas á chef Lucía Freitas. Ademais, Cristina Mantilla, enóloga responsable de seleccionar os viños do xantar, explicou aos asistentes as características de cada denominación e a súa relevancia no sector vitivinícola. O acto tamén contou coa participación de distintos representantes de cada unha das cinco denominacións de orixe, que compartiron durante a comida os atributos identitarios dos destinos, como os gastronómicos, os artesanais e os turísticos.

As cinco galegas trouxeron nas súas maletas os viños de cada unha das denominacións de orixe que representan e as creacións artesanais de Montse Liñares, Idoia Cuesta, Paula Ojea, Ilda Amoedo, María Pereira de Dosel, Noroeste Xoias, Elena Ferro e as redeiras da illa da Estrela de Corme. A totalidade das responsables de levar a Madrid esas 5 Galegas foron mulleres, ao igual que as protagonistas da campaña. Todo isto forma parte dunha suma de detalles que engalanaron a Lavinia cunha escenografía orixinal.

Tras a presentación en Galicia do pasado mes de agosto, a campaña xa comezou en Madrid e finalizará o vindeiro luns 9 de outubro. Na zona restaurante de Lavinia ofrecerase un menú e un tapeo galego diario durante o mes de duración da campaña. Turismo de Galicia disporá ademais dun punto de información turística no que se ofrecerán detalles das denominacións de orixe e dos destinos.

Campaña en París
Os conceptos “denominación de orixe” e “apellation d’origine” son dous termos femininos tanto en castelán coma en francés, aspecto que impulsou tamén que a campaña “5 Galegas en Madrid” teña en “5 galiciennes à París” a súa réplica en Francia, que comezará o xoves 12 de outubro e finalizará o mércores 15 de novembro.

Ademais, as 5 Galegas adquiriron esta semana aínda máis protagonismo, xa que Galicia opta a converterse en Rexión Vitivinícola do Ano 2017, un recoñecemento outorgado pola prestixiosa revista especializada norteamericana Wine Enthusiast no marco dos seus premios anuais Wine Star.

[arriba]

Novas Anteriores