13 Feb 2015

Grenaches du Monde en Francia. Unha garnacha de Valdeorras única premiada de toda Galicia

A adega Alán de Val obtivo medalla de prata no concurso internacional “Grenaches du Monde” que se celebrou na localidade francesa de Perpignan este martes, día 9.  A obtención deste premio coa súa garnacha tintureira converteuna na única adega galega premiada nesta terceira edición. Esta adega valdeorresa xa recibiu no 2013 outra medalla de prata na primeira edición deste certame ao que solo se poden presentar viños de todo o mundo elaborados coa variedade garnacha nun 60% como mínimo. O xurado deste concurso son profesionais do sector que traballan en diferentes ámbitos. Os viños presentados nesta edición foron franceses, españois e italianos.

grenaches-du-monde

ADEGAS VALDEORRESAS PRESENTES NA “I CATA DE GARNACHAS TINTUREIRAS CENTENARIAS DE VALDEORRAS”

Este recoñecemento á garnacha tintureira desta adega valdeorresa súmase a outros que leva recibido nos últimos meses esta variedade de gran futuro na comarca. Este viño estivo tamén presente na “I Cata de Garnachas tintureiras centenarias de Valdeorras”, que se organizou no mes de xaneiro en A Rúa cun grupo de catadores reunidos polo sumiller Luis Paadín e polo periódico O Sil. Cataron garnachas das adegas:  A Coroa, Alán de Val, Sampayolo, José Luis Aristegui,Adega da Pinguela, Ruchel, Santa Marta e Adegas Melillas. Neste encontro unha das conclusións foi que son xa grandes viños, pero ademais presentan un interesante potencial de futuro.

[arriba]

Novas Anteriores