13 Xul 2019

García Pando salienta o momento doce que vive o godello na inauguración da XXII Edición da Feira do Viño de Valdeorras

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, destacou durante a súa intervención no acto inaugural da XXII Feira do Viño de Valdeorras, celebrado esta mañá, que os viños da comarca –e, particularmente, os elaborados coa variedade godello- están a vivir un momento doce. “Estou seguro de que si produciramos un 50% máis de godello non teriamos ningún problema en situalo no mercado”, apostilou.

García Pando referiuse á Feira do Viño como o principal escaparate promocional dos brancos e tintos da comarca. Un escaparate que quere por en valor os viños elaborados con godello. “Somos o berce desta variedade”, indicou. “Aquí elabóranse co 100% de godello por regulamentación e exprésanse coma en ningún outro sitio”, proseguiu. Porén, tamén en Valdeorras existen bos tintos, tal e como aseverou García Pando. “O viño premiado como Mellor Tinto de Galicia na última Cata Oficial da Xunta é unha boa mostra disto”.

O presidente do Consello Regulador afirma que se se producira un 50% máis de viños desta variedade dariaselle, perfectamente, saída no mercado

Un mellor prezo
O presidente do CRDO Valdeorras afirmou, tamén, que un dos obxectivos irrenunciables para o o organismo que dirixe é conseguir que “o noso viño se venda a mellor prezo” e que medre a facturación porque isto é importante “para que os viños deixen unha marxe empresarial óptima tanto para os viticultores como para os aegueiros”.

Finalmente, García Pando tamén se referiu a que nos últimos tempos as adegas valdeorresas están a elaborar “perfís de viños distintos  de gran personalidade e calidade e que serán os vindeiros viños de referencia na D.O.”.

Autoridades
Xunto a García Pando, participaron no acto inaugural da XXII Feira do Viño de Valdeorras o conselleiro do Medio Rural, José González; o alcalde do Barco, Alfredo García; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Armando Ojea.

Precisamente, o vicepresidente da Deputación dixo na súa intervención que o acto inaugural da Feira do Viño era o seu primeiro evento público no cargo. Ojea quixo comprometer, no seu discurso, o apoio do organismo provincial ás diferentes actividades vitivinícolas que se desenvolvan dende Valdeorras.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, destacou que o viño representa para todos os valdeorreses “algo ao que están moi ligados” e supón “un motor económico e de emprego” que permite “fixar poboación” na comarca.

O alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, referiuse á “aposta decidida pola calidade” das adegas de Valdeorras. Unha aposta que está a posibilitar que os viños da comarca sexan cada vez máis coñecidos e premiados fóra. García animou a todos os presentes a que cando pidan un viño noutros lugares de Galicia e de España “non o demanden polo nome da adega, ou da marca ou da variedade de uva” senón que pidan “un Valdeorras”.

Finalmente, o titular de Medio Rural, José González, expresou, de xeito contundente, que os viños de Valdeorras “son espectaculares”. “Galicia é unha terra que permite elaborar produtos agroalimentarios dunha altísima calidade”, apostilou. Xunto a isto, o conselleiro animou aos membros do sector vitivinícola de Valdeorras a participar no deseño da “estratexia futura” do viño en Galicia.

Entre hoxe e mañá, un total de 21 adegas da comarca exhibirán o mellor da súa colleita

Actividades paralelas
A XXII Feira do Viño de Valdeorras, que se celebra na praza barquense de Viloira, conta coa participación de 21 adegas da comarca, e sitúa a Valdeorras no epicentro de lecer e festivo da provincia de Ourense durante dous días. O recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. A feira conta cun programa completo de eventos paralelos que inclúe actuacións musicais e actividades para os máis cativos.

Ao longo de toda a fin de semana, funcionará o tren Valdeorras Expreso para facilitar os desprazamentos de ida e volta ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á Praza de Viloira.

Adegas participantes
A continuación, detallase o nome das 21 adegas participantes na XXII edición da Feira do Viño de Valdeorras:

ADEGA
1 ADEGA A COROA S.A.T.
2 ADEGA O CEPADO S.L.
3 S.A.T. ALAN
4 BODEGA COOP. JESÚS NAZARENO S.C.G.
5 BODEGA COOP. VIRGEN DE LAS VIÑAS S.C.G.
6 BODEGAS GODEVAL S.L.
7 HACIENDA UCEDIÑOS S.L.
8 FELIPE MAYO ALONSO
9 GUITIÁN Y BLANCO S.C.
10 JOAQUÍN REBOLLEDO S.A.
11 Mª TERESA NÚÑEZ VEGA
12 ADEGA MELILLAS E FILLOS S.L.
13 S.A.T. ADEGA O CASAL
14 QUINTA DA PEZA S.L.
15 BODEGA ROANDI S.L.
16 BODEGAS RUCHEL S.L.
17 BODEGAS SAMPAYOLO S.L.
18 SANTA MARTA S.A.T.
19 VIÑA COSTEIRA S.C.G
20 VIRXEN DE GALIR S.L.
21 ADEGA DA PINGUELA S.L.

 

[arriba]

Novas Anteriores