15 Xul 2017

Francisco García destaca a necesidade de articular circuítos turísticos arredor do viño en Valdeorras

O presidente en funcións do Consello Regulador, Francisco García, expuxo a necesidade de “articular circuítos turísticos arredor do viño en Valdeorras” no discurso que pronunciou con motivo da inauguración da XX Feira do Viño da comarca perante a conselleira do Medio Rural, o vicepresidente da Deputación de Ourense e o alcalde do Barco. O acto inaugural contou, ademais, coa participación do actor Javier Veiga en calidade de pregoeiro do foro.

“En Valdeorras temos a gran sorte de posuír  un patrimonio natural, histórico e cultural que ofrecer, como pode ser o caso das nosas singulares covas, que teñen un gran valor antropolóxico e nas que se segue a elaborar viño. Todo isto unido a unha ampla oferta de restauración, cunha gastronomía autóctona, que non deixa indiferente a ningúen”, abondou García.

Por iso, é importante –proseguiu- “afondar na creación de circuítos turísticos específicos e permanentes arredor do viño, propoñendo e desenvolvendo actividades diversas, e promocionalos en diferentes puntos xeográficos para favorecer a chegada de enoturistas ao noso territorio, para que poidan disfrutar de todos os nosos atractivos”.

O presidente en funcións do Consello Regulador participou na inauguración da XX Feira do Viño xunto á conselleira do Medio Rural, o vicepresidente da Deputación de Ourense e o alcalde do Barco

Grandes oportunidades
O presidente en funcións do Consello Regulador considera que existen grandes oportunidades arredor do viño na comarca. “Poderíase crear  máis riqueza, se apostamos por deseñar e por en marcha estratexias turísticas de calidade”, indicou. “Porén, non sempre é doado para as adegas pequenas contar cos medios humanos e coa loxísitca axeitada para poder abrir as súas portas aos visitantes permanentemente”, continou. Por iso, segundo concluíu, “é importante contar co apoio dos diferentes  organismos competentes en materia de turismo e promoción económica”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, referiuse á relevancia do sector vinícola para a provincia. “O viño dinamiza as zonas rurais e xera emprego”, considerou. Ao fío deste argumento, o alcalde do Barco indicou que o o eido vinícola axuda a “fixar poboación” en moitas zonas de Galicia. En definitiva, “o viño é vida”, afirmou. Alfredo García tamén quixo agradecer o respaldo da Xunta e da Deputación ao sector do viño de Valdeorras, coa súa presenza na feira.

Pola súa banda, a titular do Medio Rural, Ángeles Vázquez, instou aos membros do sector vitivinícola valdeorrés a “conseguir un fin común: a defensa do viño”. “Que o nome de Valdeorras sempre saia en positivo e endexamais en negativo”, considerou, porque “falar dos viños de Valdeorras é falar de calidade suprema”. Na súa intervención, Vázquez sinalou tamén que “para que traballar a terra resulte rendible, cómpre obter rendas dignas dela e abrir novos nichos de mercado”. Neste sentido, animou aos bodegueiros da zona a apostar pola internacionalización.

 Bodegas participantes e axenda de actos
Tras o acto inaugural, as autoridades percorreron as casetas da Feira nas que un total de 17 bodegas exhiben durante dous días o mellor da súa colleita: O Cepado, A Tapada, Guitián y Blanco,  Roandi, Avancia, Cooperativa Jesús Nazareno, Cooperativa Virxe das Viñas,  Sampayolo, Quinta da Peza, Viña Costeira, Eladio Santalla, Santa Marta, Melillas,  Fornos GRS, Felipe Mayo, O Casal e José González.

A feira conta cun programa completo de eventos paralelos. Ao longo das dúas xornadas haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. Na mañá deste sábado actuará a charanga Fuego e pola tarde, ás 19.30 horas, o grupo Airiños de Caldelas amenizará a sesión co seu espectáculo musical. Ademais, este serán celebrarase un showcooking no recinto feiral a cargo de Flavio Morganti, chef dos restaurantes Galileo e Galigola de Ourense. Xa pola noite, a música seguirá a cargo dun DJ e do grupo barquense O Son do Sil.

Na xornada de mañá actuará a charanga N.B.A. e ás 20.30 horas entregaranse as distincións aos mellores viños da cata oficial e o premio ao gañador do cartel ilustrador da feira.

Para facilitar os traslados ao recinto feiral, ponse en marcha durante toda a fin de semana o tren Valdeorras Expreso. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello do Barco ata chegar a Viloira.

Entre hoxe e mañá, un total de 17 bodegas exhibirán o mellor das súas colleitas nas casetas emprazadas na praza barquense de Viloira

 

[arriba]

Novas Anteriores