10 Nov 2016

Finaliza oficialmente a campaña de vendima 2016 en Valdeorras, con 4,6 millóns de quilos de uva recollidos

vendima

Tras case dous meses desde o inicio dos traballos, acaba de finalizar oficialmente a campaña da vendima en Valdeorras. Neste ano, 2016, recolléronse un total de 4.656.213 quilos de uva, o que supón un 29% por cento menos con respecto ao ano pasado. Esta redución, que xa estaba prevista, xustíficase por varios factores: o mildiu e outras afeccións das cepas rexistradas ao longo da campaña e os fenómenos meteorolóxicos adversos que se produciron: altas temperaturas e, tamén, pedrisco no verán, así como abundantes choivas na primavera.

Malia todo, un ano máis, “a uva de Valdeorras segue a gozar dunha excelente calidade”, sinala o presidente da D.O., “o que permitirá que os nosos viños volvan colocarse en postos de cabeza a nivel nacional”.

 Malia que se colleitou un 29% menos con respecto a 2015, “a uva de Valdeorras segue a gozar dunha excelente calidade”, sinala Francisco García

Quilos recollidos por variedades

Por variedades de uva recollida, o godello colocouse de novo no primeiro lugar con 2,46 millóns de quilos. A continuación situase a mencía con 1,46 millóns de quilos. Por tras, veñen a variedade alicante, con 444.986 quilos; a jerez, con 213.852 quilos e sousón, con 33.344 quilos. Finalmente, únense á listaxe os 18.208 quilos de tempranillo recollidos; os 8.205 de merenzao; os 6.165 de albarello e os 397 quilos de dona branca que se colleitaron.

O godello sitúase á cabeza como a variedade máis abudante na zona, con 2’4 millóns de quilos

[arriba]

Novas Anteriores