/* */ Entrevistamos a Pilar blanco, investigadora do EVEGA.
24 Xul 2014

Entrevistamos a Pilar blanco, investigadora do EVEGA.

Pilar Blanco e Juan Casares nas xornadas

“Os lévedos autóctonos poden utilizarse para potenciar a tipicidade dos viños feitos coas nosas variedades, como é a Godello”

Os lévedos converten os azucres da uva en alcohol e outros compoñentes que definen as propiedades químicas e sensoriais do viño. Ademais, son unha fonte doutros produtos de interese que contribúen á diferenciación dos viños. Este foi o tema dunhas xornadas formativas celebradas en O Barco tituladas “ Potencial dos lévedos e os seus bioprodutos como axentes diferenciadores para os viños galegos”. Unha actividade, encadrada na pasada XVII edición da Feira do Viño de Valdeorras, que estivo organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e que contou coa colaboración del Consello Regulador de Valdeorras. Nesta xornada participaron máis de 40 persoas entre adegueiros, enólogos e persoal técnico das adegas e do consello regulador. Entre os conferenciantes estivo a investigadora Pilar Blanco que presentou a “guía de utilización de lévedos non –Saccharomyces do grupo GTEVE”.

-¿Como se elaborou esa guía e quen a fixo?

A  “Guía sobre a utilización de lévedos  non–Saccharomyces  na elaboración de viño” do grupo GTEVE (Grupo de traballo de Experimentación en Viticultura e Enoloxía) elaborouse dende a Evega baixo a miña coordinación e contando coa colaboración de distintos grupos de investigación doutras comunidades incluíndo: IFAPA-Andalucía, Goberno de Aragón, IVICAM-Castilla-La Mancha, ITACYL-Castela e León, INCAVI-cataluña, Estación Enolóxica de Extremadura, IMIDRA-Madrid, Navarra, País vasco, ICVV-CIDA-Rioxa, UPM-Madrid.

-¿Canto tempo se tardou?

Tardouse sobre un ano en facer, entre a recollida dos traballos feitos nos distintos centros e a adecuación dos mesmos a un formato común. Presentouse na reunión do GTEVE en Murcia no ano 2013.

-¿Como se pode adquirir ou ter acceso a esa guía de utilización de lévedos?

A guía está en trámites para a súa publicación no ministerio mentres tanto pode obterse poñéndose en contacto coa EVEGA.

-¿Que destacaría sobre o usos dese tipo de lévedos para aplicalos aos viños de Valdeorras (godello e mencía)?.

A aplicación destes lévedos permite obter viños con menos grao alcohólico e contido maior de glicerol, así como doutros compoñentes minoritarios, polo que destacan en cata fronte aos elaborados con lévedos Saccharomyces.

-A selección e produción de lévedos autóctonos, ¿pode axudar a potenciar as características de variedades como a godello?

Si, os lévedos autóctonos poden utilizarse para potenciar a tipicidade dos viños feitos coas nosas variedades, como é a godello. Nesta liña, na EVEGA xa se dispón de algúns lévedos que nos deron resultados satisfactorios a nivel  experimental.

Pilar Blanco, investigadora do EVEGA

[arriba]

Novas Anteriores