/* */ En Prowein 2024, que nestes días se celebra en Alemaña, poden degustarse 27 viños de Valdeorras
10 Mar 2024

En Prowein 2024, que nestes días se celebra en Alemaña, poden degustarse 27 viños de Valdeorras

A cidade alemá de Düsseldorf é a nova parada promocional dos viños de Valdeorras, que estes días poden degustarse nunha das máis prestixiosas feiras europeas do sector: Prowein. Un ano máis, o Consello Regulador volve participar neste foro dando a coñecer ata 27 referencias diferentes da comarca, 19 brancas e oito tintas.

Prowein é un dos salóns europeos con máis arraigo no continente para a promoción de viños de diferentes territorios amparados. A pasada edición desta feira, celebrada no ano 2023, contou con máis de 49.000 visitantes e a organización prevé aumentar a cifra neste ano.

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras participa nesta feira da man da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), xunto a outras denominacións de orixe vitivinícolas galegas e “baixo o formato dun túnel do viño”, tal e como indica o presidente do organismo, José Ramón Rodríguez Castellanos.

 O Consello Regulador volve participar, un ano máis, nesta relevante feira europea que se desenvolve na cidade de Düsseldorf

Máis de 6.000 expositores participarán neste salón no que a D.O. Valdeorras terá presenza cun túnel do viño de seu, no que diferentes grupos de interese e públicos especializados poderán coñecer e degustar algunhas das referencias máis sobranceiras da comarca.

“Tras a nosa participación en Vinexpo, na capital de Francia, achegámonos un ano máis ata Alemaña, parada obrigatoria para todo o sector do viño europeo. A nosa intención de promocionar os brancos e tintos da comarca, máis alá das nosas fronteiras, é un dos obxectivos prioritarios para o Consello Regulador que, neste 2024, ten planificada unha intensa axenda de difusión en distintos foros nacionais e internacionais”, conclúe Rodríguez Castellanos.

 

[arriba]

Novas Anteriores