/* */ En 2022 acadouse o récord de litros de viño cualificados pola D.O. Valdeorras dende que existen os rexistros, superando os 4,6 millóns
03 Feb 2023

En 2022 acadouse o récord de litros de viño cualificados pola D.O. Valdeorras dende que existen os rexistros, superando os 4,6 millóns

O ano 2022 supuxo o récord histórico, dende que hai rexistros, de cualificación de litros de viño por parte da D.O. Valdeorras. En concreto, no último ano cualificáronse 4.651.978 litros. Cinguíndonos exclusivamente á última década, as estatísticas do Consello Regulador amosan que a porcentaxe de viño cualificado incrementouse nun 26,65% ao pasar de 3.673.102 litros en 2013 á cantidade actual (+4,6 millóns de litros).

Os datos do organismo reflicten, asimesmo, que tras 2022 o ano no que máis viño se cualificou foi 2016, con 4.131.572 litros, seguido de 2015, con 4.061.386. Porén, 2022 foi o único ano do milenio no que a cifra superou os 4,5 millóns de litros certificados.

Unha parte importante deste incremento no número de litros de viño cualificados ten que ver co interese crecente polo godello. En 2022, só desta variedade cualificáronse 3.148.145 litros. Este dato evidencia que na actualidade, só de godello, estanse a cualificar e comercializar máis litros de viño dos que se certificaron de todas as variedades da D.O. xuntas, en certas anualidades deste século.

Obviamente, o aumento da cantidade de litros de godello cualificados en Valdeorras vai parello ao dato de incremento da superficie plantada desta variedade. Durante a última década, pasouse de 306 hectáreas de godello en Valdeorras (en 2013) a 559 (en 2022). É dicir, un 83% máis. Ano tras ano, durante os dez últimos a cifra foi subindo paulatinamente tal e como ilustra a seguinte gráfica:

 

Aposta pola calidade
O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, resalta que o esforzo realizado por doblegar a calidade nos seus produtos por parte dos membros do sector vitivinícola valdeorrés explica este aumento no número de litros de viño cualificados.

Ademais, o interese de novos adegueiros, mesmo chegados de fóra, por elaborar viño na zona está a dinamizar a produción.

Un terceiro factor que explica o ascenso ten que ver co prezo do viño. García Pando considera que malia que se deben seguir facendo esforzos neste sentido para que sexa posible vivir dignamente da produción e elaboración de viño na comarca, éste estase a comercializar nos mercados a un prezo considerablemente maior que tempo atrás.

“Podemos dicir, sen lugar a dúbidas, que o prezo do do quilo da uva godello -por exemplo- se incrementou nun 150% nos últimos 20 anos”, conclúe o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Só de godello cualificáronse máis de tres millóns de litros

 

[arriba]

Novas Anteriores