23 Xuñ 2015

A mostra celebrarase os días 11 e 12 de xullo na Praza de Viloira do Barco.

SONY DSC

A “XVIII Feira do Viño de Valdeorras” está pensada para que sexa “un acto lúdico festivo de exposición dos viños desta bisbarra” así describía esta nova edición o presidente do Conselo Regulador, José Vicente Solarat. A feira celebrarase este ano na Praza de Viloira do Barco de Valdeorras, os días 11 e 12 de xullo “nun espazo máis axeitado para evitar a calor” tal e como comentaba o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García. Os dous presentaron esta mañá no Barco de Valdeorras o programa da XVIII edición dá Feira do Viño de Valdeorras no que participarán 16 adegas e que nesta edición presenta varias novidades, algunhas delas orientadas a atraer o público máis novo a este evento.

Pregoeiro: Julián Villamarín Rodríguez

As actividades empezarán o sábado, día 11 de xullo, ás 12:30 horas co pregón inaugural a cargo de Julián Villamarín Rodriguez, responsable da área de clientes internacionais da empresa Autoneum Spain Northwest, S.L.U., compañía especializada na fabricación de compoñentes insonorizantes e illantes do automóbil e con sede no Concello da Rúa. O presidente do Conselo Regulador, José Vicente Solarat, xustificou a designación do directivo para a lectura do pregón no seu coñecemento dos viños valdeorreses, que lle mereceu o seu nomeamento como embaixador destes.

 

SONY DSC

Música co Valdeorrock

A música terá este ano un lugar destacado na feira do viño coa celebración do Valdeorrock no que actuarán o Dj Jurassic Rock, o grupo The Morgans e a banda tributo clónica da banda australiana AC/DC, Bon Scott Revival Show. Será o sábado pola noite o momento de escoitar as actuacións destes grupos dentro do recinto feiral na Praza de Viloira e de forma totalmente gratuíta. Ademais o sábado durante o día actuará a Charanga N.B.A (Non bebemos auga).

Viaxes no Valdeorras Expreso

Outra das novidades desta edición será a posta en marcha dun tren turístico que estará a funcionar polo centro da vila barquense para ofrecer “unha solución de transporte e lúdica aos veciños para achegalos á feira”, comentaba o alcalde do Barco, Alfredo García. O “Tren Valdeorras Expreso” estará a funcionar todo o fin de semana con paradas na zona do pavillón polideportivo de Calabagueiros, diante do Hospital Comarcal, na Praza do Concello e finalmente na Praza de Viloira. As viaxes serán gratuítas e os veciños poderán subir a el tanto na ida coma á volta. Haberá viaxes cada media hora e estará a funcionar no horario de apertura da feira.

Cata popular e premios aos viños Valdeorreses

O domingo ao mediodía será o momento de aprender a catar os viños valdeorreses cos consellos da sumiller galega, Mercedes González, na cata popular que impartirá no recinto da feira a partir das 13:30 horas. A cata aberta á participación de todos os visitantes realizarase despois de entregar os premios da “XVI Cata dos Viños da Feira” que se celebrará previamente os días 9 e 10. Esta nova cita cos viños de Valdeorras conta ademais no programa cunha xornada formativa o día 7 de xullo organizada pola EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia). O título do evento será “Acreditación dun panel de cata de viños. A norma UNE-EN-ISO/IEC 17025”.

Parque de xogos

Os máis pequenos da casa tamén terán un oco no programa da feira coa apertura o sábado e o domingo dun parque de actividades infantís nos xardíns da Casa Grande de Viloira. Deste xeito os pais poderán gozar dos viños mentres os nenos se divirten vixiados nos xogos montados ao lado do recinto feiral.

 

[arriba]

Novas Anteriores