23 Mai 2017

Convocado un concurso para elixir o cartel ilustrador da XX Feira do Viño de Valdeorras

A Feira do Viño de Valdeorras acada neste ano 2017 a súa vixésima edición. Para promocionar o foro é preciso contar cun cartel ilustrativo orixinal, motivo polo cal o Consello Regulador decidiu convocar un concurso aberto a todos os interesados en participar. O cartel debe por en valor de xeito gráfico o “saber facer único” do sector vitivinícola desta comarca ourensá, que leva séculos elaborando tintos e brancos dunha altísima calidade.

 A recepción de propostas estará aberta ata o vindeiro 9 de xuño ás 15:00 horas

Participación
A participación está aberta a todas aquelas persoas que desexen tomar parte na iniciativa, procedan ou non do ámbito artístico. A única condición indispensable é a de que que o material presentado sexa inédito. Cada participante poderá presentar un máximo de tres propostas distintas, nun tamaño orixinal de 43 x 63 centímetros en posición vertical.

Os carteis han presentarse en soporte informático en arquivo .jpg ou .png e en alta resolución (mínimo 300ppp). A proposta enviarase por email á seguinte dirección de correo electrónico: secretaria@dovaldeorras.com ou por correo postal ao seguinte enderezo:

Secretaría do C.R.D.O Valdeorras

Estrada Nacional 120 Km. 463

32.340-Vilamartín de Valdeorras (Ourense)

 

Indicarase o nome e apelidos, dirección e número de teléfono do autor. A data límite de recepción finaliza o día 09 de xuño de 2017 ás 15,00 horas.

Nas propostas poderá empregarse calquera técnica artística: pictórica, informática, fotográfica, etc. Os carteis deseñados en ordenador deberán ter unha resolución de 300 ppp, a un tamaño real de 43 x 63 cm. No caso de resultar gañadores, os autores que optaron por realizar a súa obra mediante sistemas informáticos, deberán achegar o  correspondente soporte dixital en formato vectorial para incluir os logotipos das entidades organizadoras.

Xurado e premios
Concederase un único premio de 600 euros. O xurado estará composto por persoas relacionadas co eido do deseño gráfico, a comunicación e a arte, así como polo Presidente d Consello Regulador ou a persoa na que éste delegue. O fallo do concurso farase público na semana do 12 ao 16 de xuño de 2017 y o veredicto do xurado será inapelable.

[arriba]

Novas Anteriores