19 Out 2018

Conclúe a vendima en Valdeorras cun total de case 4,7 millóns de quilos de uva recollidos

Logo de 40 días desde o seu inicio, conclúe a vendima en Valdeorras cun total de case 4,7 millóns de quilos de uva recollidos. O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, compareceu hoxe perante os medios de comunicación para facer balance dunha campaña que se singulariza, especialmente, pola “óptima calidade da uva”, destacou.

En relación ao ano pasado, a cifra de quilos recollidos ascende nun 15%. Por variedades, sitúase á cabeza en cantidade a uva godello (con máis de 2,6 millóns de quilos), seguida da mencía, con máis de 1,4 millóns de quilos. En terceiro lugar atópase a garnacha tintorera, con máis de 357.000 quilos.

De palomino fino (jerez) recolléronse máis de 170.000 quilos e de sousón un total de 44.000. Tras estas variedades, aparecen a tempranillo (case 19.000 quilos), a albarello (máis de 13.000 quilos), e a merenzao (preto de 6.000 quilos). Nas últimas posicións temos   a treixadura (máis de 2.100 quilos), a dona branca (case 1.500 quilos), a negreda ou mouratón (746 quilos), a caíño tinta (683 quilos) e o gran negro (80 quilos).

García Pando referiuse especificamente ás variedades sousón e albarello como “dous tipos de uva que poden aumentar as posibilidades de ofrecer viños diferentes no territorio amparado”.

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, presentou hoxe o balance da campaña ante os medios de comunicación

Viños para todo tipo de padais
“Só podo dicir para rematar que máis aló dos fríos datos cuantitativos, un ano máis a uva recollida en Valdeorras permitirá elaborar uns viños brancos e tintos magníficos para que poidan ser desfrutados por todo tipo de padares, incluídos os máis esixentes”, afirmou García Pando durante a súa intervención ante os medios. “Malia as pragas que afectaron aos viñedos, toda a uva recollida tivo unha calidade excelente”, asegurou.

“Os nosos viños gozan cada vez máis dunha prestixiosa reputación, gañan concursos internacionais e están entre os mellor puntuados en diferentes publicacións especializadas. Vimos, ademais, de nos acreditar coa certificación ENAC. Todo isto debe permitirnos superar a cifra de produción que colocamos nos mercados estranxeiros, e que na actualidade se sitúa en torno ao 10%”, abondou.

Finalmente, García Pando quixo destacar que “malia ás innovacións introducidas no sistema de control, a meirande parte delas impostas por ENAC, a campaña realizouse sen ningún tipo de incidencia importante”.

[arriba]

Novas Anteriores