16 Feb 2018

Conclúe a auditoría do equipo da Entidade Nacional de Certificación (ENAC) que estes días visitou Valdeorras

Un equipo de traballo da Entidade Nacional de Certificación (ENAC) levou a cabo nesta semana unha auditoría en Valdeorras cuxos resultados se coñecerán nos vindeiros meses. Cun informe positivo, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras sumaríase ao grupo de entidades acreditadas segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17065, “o que nos posibilitará certificar os nosos viños, refozar a marca Valdeorras e abrir novos mercados para os nosos brancos e tintos”, sinala o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando.

Segundo engade García Pando, o equipo de ENAC detectou unha notable mellora en relación á primeira auditoría do organismo na comarca, efectuada en 2014. “O equipo auditor trasladounos unha impresión positiva, de mellora e de que estamos a transitar pola senda correcta para a obtención da acreditación ENAC”, abondou.

A acreditación é unha esixencia da OCM comunitaria para todos os órganos de control de calidade dos consellos reguladores. Por iso, as dúas auditoras de ENAC cotexaron entre o mércores e hoxe mesmo o cumprimento de diversos parámetros necesarios para a obtención da certificación, entre eles as cantidades de uva e viño producidos ou o desenvolvemento de determinados procedementos de control da actividade vitivinícola na comarca.

Nos vindeiros meses coñecerase o informe de resultados e saberase se o Consello Regulador obtén a acreditación segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17065

Sobre ENAC
ENAC é una organización declarada de utilidade pública, independente e sen ánimo de lucro, auspiciada e tutelada pola Administración, que desenvolve a súa misión cunha clara vocación de servizo público, garantindo que todas as súas actuacións se basean en principios de imparcialidade, independencia e transparencia.

A súa misión é avalar a competencia técnica dos organismos de avaliación da conformidade -laboratorios, entidades de inspección, de certificación, verificadores- para xerar así confianza das súas actividades á Administración, ao mercado e a sociedade en xeral.

[arriba]

Novas Anteriores