09 Xul 2022

Comeza a cita estival máis agardada na comarca: a Feira do Viño de Valdeorras

“O sector vitivinícola valdeorrés goza de boa saúde. Cada vez son máis os viticultores que apostan por realizar novas plantacións no noso territorio amparado. Nos catro últimos anos, por exemplo, duplicamos a produción de godello, unha variedade que como todos sabedes vive un auténtico boom e do que é berce o noso territorio amparado. Somos a cuna desta variedade, onde comezou todo e aquí os godello elaboránse 100% con esta uva por regulamentación”. Son palabras do presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, durante o acto de inauguración da XXIII edición da Feira do Viño de Valdeorras, que tivo lugar esta mañá na Praza de Viloira do Barco.

Un acto no que tamén participaron o tenente alcalde do Barco de Valdeorras, Tino Alonso; a deputada provincial da Deputación de Ourense, Ana Villarino; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural, José Luis Cabarcos, e que finalizou coa lectura do pregón a cargo do actor e monologuista Fede Pérez.

Un total de 20 adegas participan na XXIII edición da iniciativa, que foi inaugurada oficialmente esta mañá e cuxo pregoeiro foi o actor e monologuista Fede Pérez

Volta á normalidade
Trátase dunha edición moi especial da Feira posto que volve celebrarse con normalidade tras dous anos de interrupción por da pandemia. Por iso, dende o Consello Regulador da D.O. Valdeorras apostouse por deseñar un completo programa de actividades paralelas para todos os públicos.

Tras a inaguración oficial, os Xardíns da Casa Grande de Viloira acollerán catas maridadas de viños da comarca con diferentes panes empanadas das I.X.P. Pan de Cea e Pan de Galicia; así coma con queixos de diferentes denominacións de orixe galegas. Tamén se programará unha cata con outros produtos agroalimentarios. Ao longo da xornada de hoxe non faltará a música de Los Íñigos e a Charanga Támega.

Mañá domingo, a actividade máis salientable é un curso de iniciación á cata de viños que se desenvolverá, igualmente, nos Xardíns da Casa Grande de Viloira. Xa pola tarde, ofrecerase unha cata dunha selección de viños de Valdeorras maridados con pinchos elaborados polo Café Teatro. Xunto a isto, haberá inchables e xogos para os cativos e cativas durante os dous días da Feira.

Ao igual que en anos anteriores, o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. O prezo das copas fixouse en dous euros.

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras deseñou un completo programa de actividades paralelas que inclúe un obradoiro de iniciación á cata e catas comentadas nos Xardíns da Casa Grande de Viloira

[arriba]

Novas Anteriores