08 Mar 2018

As mulleres gañan protagonismo no sector vitivinícola valdeorrés, malia que segue a ser un ámbito de actividade principalmente masculino

As mulleres gañan, paulatinamente, protagonismo no sector vitivinícola valdeorres, aínda que as cifras oficiais evidencian que aínda queda moito por facer para lograr a igualdade. Tan só o 5% das 43 bodegas amparadas polo  selo de calidade do Consello Regulador contan cunha muller como máxima responsable e no Pleno deste organismo, o seu máximo órgano decisorio, séntanse dúas mulleres fronte a sete homes. A porcentaxe aumenta cando falamos de viticultoras censadas dentro do territorio amparado, xa que ésta se sitúa no 43,27% (531 en total).

Máis alá do que poidan indicar estas cifras, diversas mulleres que ocupan posicións de responsabilidade no sector do viño de Valdeorras, coinciden en sinalar que as mulleres teñen contribuído ao longo da historia, dun xeito silencioso, a facer do territorio amparado pola D.O. o que é hoxe en día. “Tradicionalmente, eran as mulleres as que se ocupaban dos labores do campo, que principalmente eran de subsistencia, e tamén dos coidados da vide”, destaca Araceli Fernández, xerente e socia de Godeval. “O viño sí o facía o home” –engade María Teresa Núñez, propietaria da bodega que leva o seu nome – “e pode que a poda tamén, pero de todos os demais traballos do viño se ocupaban as mulleres”.

Só ó 5% das bodegas da comarca contan cunha muller á fronte e a porcentaxe de viticultoras no territorio amparado sitúase no 43,27%, segundo datos do Consello Regulador

“Que fai aquí unha muller”?
Unha das mulleres que hoxe fai do viño o seu modo de vida é Odra Rodríguez, viticultora de Larouco. Cre, que á diferenza do pasado, hoxe elas fan de todo no eido vitivinícola. “Se hai que podar, podamos; e se hai que andar co tractor, andamos”, apostila. Porén, Odra, de 28 anos, sinala que percibe “certa discriminación e rexeitamento” sobre todo por parte de homes maiores, cando conduce os tractores cargados de uva ata as bodegas. “Creo que segue habendo machismo –resalta- e ás veces míranme mal e marmuran que fai aquí unha muller?”.

Para Odra, “hai moitas mulleres que prefiren non aprender este tipo de traballo porque se senten rexeitadas, porque lles din saca de aí, que non vales”. Para combater isto, Araceli Fernández avoga porque o tráballo vinícola debe volverse máis apetetente, para que cada vez máis mulleres o perciban como un posible modo de vida.

“Eu sí noto, nas visitas á nosa bodega que cada vez hai máis mulleres enteradas e consumidoras formadas”, afirma. “Antigamente, eran os homes os que degustaban o viño, os que o bebían e algunhas delas dicían non, eu non bebo”, pero isto foi mudando.

Araceli Fernández, xerente e socia de Godeval, sinala que “é importante” que cada vez máis mulleres “perciban como atractivo” o mundo do viño “como posible modo de vida”

Araceli Fernández, xerente de Godeval

A capacidade está clara
Araceli considera tamén que cada vez hai “máis e mellores enólogas e catadoras”.  Isto explícase, segundo as súas palabras, “en que cada vez máis mulleres perciben o mundo do viño como interesante, na medida en que a sociedade lles ten aberto portas a novos sectores lonxe das tradicionais profesións femininas”. “Se o mundo do viño lle resulta atractivo como xeito de vida, haberá máis mulleres nel, porque a capacidade témola. A capacidade está clara”, apostila.

Á incorporación de máis mulleres ao ámbito vitivinícola na comarca anima especialmente María Teresa Núñez. “É un traballo precioso, é unha mágoa que estea aínda hoxe depreciado socialmente”, considera a responsable da bodega que elabora os viños da Bioca, en Petín. María Teresa sinala tamén que é fundamental que as administracións e os consellos reguladores traballen activamente para lograr a incorporación das mulleres máis novas ao ámbito do viño, “porque é un eido do que se pode vivir moi dignamente”.

Á hora de avaliar como evolucionou o papel da muller no sector vitivinícola valdeorrés, María Teresa teno claro: houbo un cambio considerable. No pasado producíanse certas situacións particularmente machistas. “Antigamente, nalgunhas bodegas non se permitía a entrada das mulleres”, asegura. “Dicíase que estropeaban o viño cando estaban coa menstruación”, engade.

María Teresa Núñez, propietaria da bodega homónima, sinala que é fundamental que as administracións e os consellos reguladores traballen activamente para lograr a incorporación das mulleres máis novas ao ámbito do viño

María Teresa Núñez, propietaria da bodega María Teresa Núñez Vega

En vendima, máis mulleres
Araceli, María Teresa e Odra recoñecen que as cifras de mulleres aumentan cando chega a vendima. “No caso de Godeval temos ata un 60% de viticulturas e vendimadoras”, afirma. “No día a día da bodega traballamos dúas mulleres sobre un total de sete persoas”. Tamén son dúas as mulleres que teñen asento no Pleno do Consello Regulador. Unha é Odra e outra é Araceli. A primeira afirma que cando decidiu presentarse ao órgano de goberno tamén houbo de enfrontarse a comentarios pexorativos “por ser muller e nova”.

Ao respecto da presenza de mulleres nos órganos decisorios do viño da comarca, Araceli cre que haberá máis en tanto en canto sexa un maior número delas o que traballe activamente no sector vitivinícola. “É unha cuestión de probabilidade”, afirma para, acto seguido, referirse á política de cuotas. “Creo que as mulleres valemos o suficiente como para que a preocupación sexa que haxa unha cuota nun determinado sitio”.

Porén, a xerente de Godeval avoga polo simbolismo do 8 de marzo. “É importante como día e ten que seguir estando aí. Se non se fala de igualdade, pode que a necesidade de cambio quede no esquecemento, pero máis importante é o labor silencioso que pode exercer a muller. Non se nos pode olvidar que aínda na familia, a muller é a que máis tempo adoita estar cos fillos e, polo tanto, quen mellor pode comunicar ás xeracións vindeiras, a través dos seus fillos e fillas, o respecto pola muller e poñer en valor o futuro profesional das súas fillas na mesma medida que o dos seus fillos”. Unha opinión que comparte Odra, se ben ésta afirma que lle gustaría ver máis mulleres no Pleno do Consello e, incluso, “unha presidenta muller no futuro, por que non?”.

Odra Rodríguez, viticultora de 29 anos de Larouco, sente “certa discriminación” cando conduce tractores cargados de uvas ata as bodegas

Odra Rodríguez, viticultora de Larouco

[arriba]

Novas Anteriores