11 Feb 2020

As choivas deste inverno atrasan lixeraimente os traballos de poda na comarca

 

Traballos de poda da Adega O Cepado na Finca Valdeseara (Rubiá)

As choivas rexistradas na primeira metade do inverno son as causantes de que o inicio dos traballos de poda se atrasaran lixeiramente na comarca con respecto  a outros anos. Así o considera Diego Fernández, xerente da Adega O Cepado, emprazada en Rubiá, que elabora catro referencias de viño distintas (dúas de branco e dúas de tinto). “Comezamos a podar a principios de xaneiro, con máis retraso do habitual, e agardamos que no que queda de febreiro poidamos concluir as tarefas de poda”, destaca o responsable desta adega de corte familiar, na que traballan catro persoas.

Para Fernández, aínda é cedo para pronosticar se a de 2020 vai ser unha boa colleita. “Dependemos do tempo”, vaticina. “Despois da choiva inusual da primeira parte do inverno, vemos agora que estamos tendo moi altas temperaturas. Se a viña ten humidade na raíz e por riba non vai o frío que debera facer nesta época do ano, pode suceder que brote antes de tempo e isto é un perigo en caso de que haxa xeadas máis adiante”, afirma.

A visión dun viticultor
Da mesma opinión é Manuel Prada, un viticultor de 35 anos que leva dez traballando como autónomo. Produce uns 45.000 quilos de uva ao ano que despois destina a adega Viña Costeira. Ao igual que se fixo na Adega O Cepado, Prada viuse obrigado a comenzar os traballos de poda a mediados de xaneiro. “Normalmente comezaba en decembro, pero este ano co que choveu non puiden”, destaca. “Porque ir de poda chovendo non é o máis recomendable. Se hai doenza na vide pódese estender ao cortar”, abonda.

Este viticultor, que traballa terreos propios e alleos en diferentes municipios valdeorreses como A Rúa ou Vilamartín, non se atreve a adiantar como vai ser a colleita deste ano. “Aínda é moi cedo. Ata meter as uvas na adega non se sabe”, destaca Prada que engade, ademais, que o máis importante agora son as tarefas de poda e para finalizalas “aínda quedan algunhas semanas por diante”.

O viticultor Manuel Prada podando unha viña na Rúa

 

[arriba]

Novas Anteriores