16 Out 2015

Adegas da D.O. Valdeorras no Salón Gastronómico da Eurorrexión en Ourense

    Seis adegas da Denominación de Orixe Valdeorras participarán esta fin de semana no Salón Gastronómico dos Produtos de Excelencia da Eurorrexión. Un evento que se celebrará na Praza de Pontevedra, en fronte da Alameda, durante o sábado e o domingo.

    No recinto feiral, pechado baixo unha carpa, as adegas valdeorresas: Roandi, Godeval, Alán de Val, Santa Marta, Pagos de Galir e Adega cooperativa Barco; ofrecerán degustación dos seus viños e a venda dos mesmos. Ademais participarán nunha cata popular cos seus viños amparados pola marca Excelencia.

Cartel anunciador do Salón Gastronómico de Ourense

Cartel anunciador do Salón Gastronómico de Ourense

 

CATA POPULAR coa sumiller Mercedes González

    O salón terá un horario de apertura ao público de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas os dous días. Neste tempo os asistentes poderán degustar e comprar os produtos que alí se exporán e tamén participar nunha cata popular dos viños participantes no Salón gastronómico. A cita será o sábado, día 17, a partir das 7 da tarde coa sumiller, Mercedes González. Os interesados degustarán os viños da marca Excelencia das 10 adegas que participan na feira, seis delas da DO Valdeorras. Ademais para que poidan catar os viños todos os visitantes, fora do horario da Cata Popular, poranse á venta copas co logotipo da DO Valdeorras.

Viños, queixos, doces, mel, aceite, conservas, marmeladas, embutidos formarán parte do primeiro Salón gastronómico que o Centro de Promoción de Produtos Tradicionais do Eixo Interior celebrará na cidade de Ourense esta fin de semana. O CPT (Centro de Produtos Tradicionais), xestionado polo Concello do Barco, está organizando este salón gastronómico para dar a coñecer na capital da provincia os produtos que os seus asociados elaboran de xeito tradicional e artesán e que contan coa marca Excelencia.

    No salón participarán 10 adegas, 3 empresas de elaboración de doces, 3 queixerías, 1 de embutidos, 5 de produtos do campo.

Soledad Figueroa

[arriba]

Novas Anteriores