27 Abr 2023

A XXIV edición da Feira do Viño de Valdeorras celebrarase no Barco os vindeiros 8 e 9 de xullo

Imaxe da última edición da Feira do Viño de Valdeorras

O Pleno do Consello Regulador decidiu na súa xuntanza ordinaria desta tarde que a vindeira edición da Feira do Viño de Valdeorras teña lugar na Praza de Viloira do Barco na fin de semana do 8 e 9 de xullo. O presidente do organismo, José Ramón Rodríguez Castellanos, asume con “ilusión” a organización da que será a súa primeira feira do viño como máximo responsable do CRDO Valdeorras, na que vai traballar “intensamente e con rigorosidade”.

Rodríguez Castellanos asegurou que dende o Consello Regulador buscarase a implicación doutras administracións e, particularmente, a do Concello do Barco para poñer en marcha unha completa proposta de actividades paralelas arredor do foro, que atraia á comarca a diferentes tipos de público pero, fundamentalmente, aos amantes da enoloxía.

“Sabemos que o enoturismo está de moda e en Valdeorras contamos con importantes activos e recursos para que aqueles que se acheguen ata nós, interesados inicialmente en coñecer os nosos viños, queiran repetir a experiencia e volver visitarnos en diferentes ocasións”, destacou Rodríguez Castellanos.

Con anterioridade á Feira, como todos os anos terá lugar unha nova edición da Cata Oficial do Viños de Valdeorras

Unha cita consolidada
Nas vindeiras semanas, dende o Consello Regulador ofrecerase información máis precisa sobre os horarios de apertura ao público do foro e, concretamente, sobre as diferentes iniciativas de ocio e lecer que se porán en marcha na fin de semana da feira.

“Trátase do mellor escaparate para os viños da comarca, unha cita que este ano acada a súa XXIV edición e que está plenamente consolidada na axenda de verán da provincia de Ourense, tal e como amosa o crecente número de asistentes que se rexistra en cada edición”, destacou Rodríguez Castellanos quen, ao mesmo tempo, quixo animar a todas adegas do territorio amparado a implicarse na iniciativa dando a coñecer os seus mellores brancos e tintos.

 

 

 

 

 

Por outra banda, o presidente do CRDO sinalou que, como é habitual, con anterioridade á celebración deste foro, o Consello Regulador porá en marcha unha nova edición da súa tradicional Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, cuxos premios serán entregados nun acto dentro da fin de semana da feira.

 

[arriba]

Novas Anteriores