21 Ago 2020

A vendima en Valdeorras comeza a vindeira semana

Os traballos de recollida da uva iniciaranse en Valdeorras o vindeiro luns, 24 de agosto. Neste sentido, as primeiras adegas amparadas baixo o selo de calidade do Consello Regulador que comece coas tarefas de vendima van ser Godeval e Valdesil, segundo anunciaron en cadanseu escrito remitido ao órgano de control do C.R.D.O. Valdeorras os seus responsables.

Precisamente, o Pleno do Consello Regulador reunido hoxe en Vilamartín de Valdeorras acordou, coma en anos anteriores, a contratación de vedores para a vendima 2020 a través dunha empresa de traballo temporal. Xunto a iso, aprobou as normas para a vindeira campaña tanto vedores, como para adegas e explotadores.

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, desvela que agarda que a “colleita sexa, un ano máis, óptima tanto en cantidade coma en calidade da uva, porque o estado fitosanitario das vides é moi bo”. Neste sentido, a previsión é que se poidan superar “os seis millóns de quilos de uva recollidos” nunha campaña que durará “entre seis e oito semanas”.

Dende o C.R.D.O. Valdeorras instanse a adegueiros e viticultores a estar vixiantes e a cumprir os diferentes protocolos que as autoridades sanitarias dictaminen en relación á realización de traballos agrarios para “garantir a seguridade e saúde  de todos as persoas que realicen tarefas de recollida e procesado da uva.

Ante calquera dúbida neste sentido ou en torno a como proceder, García Pando insta aos membros do sector vitivinícola valdeorrés a obter información a través do Consello Regulador.

Godeval e Valdesil serán as primeiras adegas amparadas baixo o selo de calidade do Consello Regulador que inicien os traballos de recollida da uva

[arriba]

Novas Anteriores