20 Feb 2017

A presentación da colleita 2016 da D.O. Valdeorras terá lugar en Santiago o vindeiro 6 de marzo, nun acto conducido polo actor Javier Veiga

Aposta pola formación e intensificación das accións de promoción dos viños da zona foron os eixos que marcaron os contidos do Pleno Extraordinario que o Consello Regulador da D.O. Valdeorras celebrou hoxe en Vilamartín. Como acción inminente máis salientable, destaca a presentación da colleita 2016, que se celebrará no marco dun acto público en Compostela o vindeiro 6 de marzo, conducido polo actor Javier Veiga. Neste acto, agárdase reunir a destacados representantes do eido institucional, económico-empresarial, social e político de Galicia.

 O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras informou hoxe aos vogais deste acto, no marco dun Pleno Extraordinario

Xunto a isto, outra das accións que foi sometida hoxe a consideración do Pleno foi a posible participación dos viños da zona na prestixiosa feira Hong Kong International Wine. Se finalmente se concreta a participación neste foro, trataríase da primeira ocasión na que os brancos e tintos de Valdeorras se exhiban neste foro. Esta acción promocional sumariase á presenza xa confirmada dos viños valdeorreses nas edicións deste ano de Prowein (Alemaña), London Wine (Reino Unido) e Fenavín (España).

En paralelo, outra das accións que se están a desenvolver desde o Consello Regulador é a elaboración dunha guía de bodegas e viños da zona, que servirá como ferramenta divulgativa do potencial vinícola do territorio amparado. Adicionalmente, traballarase na actualización dos videos corporativos das bodegas que conforman a D.O.

E, na liña de optimizar a comunicación coas bodegas integrantes da denominación, o Consello Regulador valorou hoxe a implantación dun sistema informático, tipo intranet, para facilitar o intercambio de información e documentos. “Axilizar a xestión e os trámites habituais do organismo e favorecer que a información flúa en ambos os sentidos dun xeito rápido e eficaz”, sería –en palabras do presidente do organismo- o obxectivo deste sistema informático.

Ademais, estudarase a posibilidade de participar, por vez primeira, na prestixiosa feira Hong Kong International Wine

Formación
Ademais da intensificación das accións promocionais, o presidente do Consello Regulador, Francisco García, detallou ante o Pleno o contido dun convenio de colaboración que vai asinarse proximamente coa recén creada Galicia Business School, co obxecto de achegar –mediante unhas condicións preferentes- diferentes contidos formativos para os membros do eido vitivinícola de Valdeorras.

Paralelamente, o Consello Regulador porá en marcha diferentes accións formativas dirixidas aos membros do sector produtivo da comarca, entre os que salienta a impartición de cursos de poda, cata ou comercio exterior. Está previsto que algúns destes cursos se desenvolvan en colaboración co INORDE.

 Xunto a isto, o Pleno aprobou a sinatura dun convenio de formación entre o Consello Regulador e a recén creada Galicia Business School

Finalmente, outro dos puntos do día que se abordou hoxe no Pleno extraordinario foi a intención de aprobar un convenio colectivo para os traballadores do Consello Regulador, que se adapte ás súas especificidades, xa que na actualidade non existe ningún. Neste sentido, tal e como destacou o presidente, “ben se elixirá o convenio que mellor se adecúe a eles entre os existentes, tales como o de despacho de oficinas ou oficinas técnicas, ou ben se creará un ex novo que se inspire nos existentes nunha das zonas produtivas máis importantes do país: A Rioxa”.

[arriba]

Novas Anteriores