28 Mai 2018

A prensa especializada que visitou Valdeorras na fin de semana afianza a boa impresión dos brancos da comarca e descobre o potencial dos seus tintos

Autora: Claudia Cubeiro

“A impresión que levan é moi positiva a nivel global. Moitos deles xa coñecían os nosos brancos e, sobre todo, transmitíronnos que lles sorpendeu enormemente a calidade dos nosos tintos”. Son palabras do presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, tras a visita dun grupo de bloggers e xornalistas especializados en viño á comarca durante a fin de semana.

A viaxe de prensa, organizada polo Consello Regulador, tivo como obxectivo achegar os viños da zona a un publico máis novo, consumidor maioritario de contidos dixitais

Os nove membros do grupo –sete mulleres e dous homes- visitaron os principais puntos de interese turístico de Valdeorras, descubriron o encanto das covas e da gastronomía autóctona e asistiron a unha cata comentada na sede do Consello Regulador na que puideron degustar varias ducias de referencias de bodegas da zona.

“A iniciativa xurdiu a partir do grupo de goberno do Consello e tamén de adegas que pensamos que hai que buscar novas vías de promoción e que esta é interesante porque axuda a divulgar a singularidade do noso territorio entre a xente máis nova”, considera García Pando. Neste sentido, un dos obxectivos da organización desta viaxe de prensa é achegar os viños valdeorreses a un público de menor idade, consumidor maioritario de contidos dixitais.

Autora: Laura López Altares (Revista Mi Vino)

Crear Marca Valdeorras
Os membros do grupo elaborarán, tras a visita, informacións e artigos de opinión sobre o potencial vitivinícola do territorio amparado, contribuíndo con isto a crear Marca Valdeorras. En paralelo, durante toda a fin de semana dinamizaron os perfís de redes sociais dos seus medios con contidos concretos da viaxe.

En total, os medios de comunicación e blogs representados na viaxe teñen un alcance global superior aos 400.000 lectores. Os participantes procedían de diversas cidades españolas tales como Madrid, Málaga, Valencia ou Bilbao, entre outras.

Autora: Hosanna Peña (Blog Hosanna en Esencia)

[arriba]

Novas Anteriores