03 Xuñ 2019

A prensa especializada que visitou Valdeorras a fin de semana destaca que os brancos e tintos da zona son viños “con moita identidade”

 

Un grupo de sete xornalistas especializados e prescritores do eido vinícola visitaron a comarca de Valdeorras esta última fin de semana, convidados polo Consello Regulador, para coñecer os viños da zona. Tras a visita, puxeron en valor o potencial vitivinícola da comarca. “Hai pasado e presente, pero sobre todo vexo na zona moito futuro para os viños”, destacou Anna Vicens, presidenta da Asociación de Sumilleres de Catalunya e integrante do grupo.

Segundo a prescritora catalana, percíbese que os viños da comarca posúen “identidade”. “Existen estas mesmas variedades plantadas noutras zonas, pero aquí teñen moita identidade. Pode ser pola paisaxe, pola altitude ou a diferenza de terreos”, recalcou. Neste sentido, Vicens sinalou tamén que recomendaría sen dubidalo viños valdeorreses.

Na mesma liña expresouse o xornalista mexicano Manuel de Santiago, quen animou a todos a probar os brancos e tintos da comarca. “Son viños que aínda necesitan ser explorados. Os tintos e, sobre todo, os brancos son fantásticos e expresan moi ben a tipicidade do chan”, afirmou. “Paréceme que todo o mundo debería degustalos algunha vez na vida”, abondou.

Anna Vicens, presidenta da Asociación de Sumilleres de Catalunya, e Manuel de Santiago, xornalista mexicano, coinciden en sinalar que a comarca ten moito potencial vitivinícola “a futuro”, e goza dunha ampla variedade de viños “por descubrir”

Unha acción de promoción e fidelización
Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, que acompañou ao grupo durante a súa visita á comarca, puxo en valor esta acción promocional que por segundo ano consecutivo se organiza desde o Consello Regulador. “Queremos fidelizar á xente que escribe e favorecer o coñecemento que poden ter dos nosos viños. E, sen dúbida, o mellor xeito de facelo e traelos ata aquí para que teñan unha mellor visión do que estamos a facer”, asegurou.

A axenda da fin de semana comprendeu visitas a diferentes viñas enclavadas no noso territorio amparado para que o grupo puidese contrastar a variedade de chans e terreos existentes. Xunto a isto, conxugouse a cata de viños brancos e tintos de cada unha das adegas da comarca coa degustación de gastronomía autóctona.

Paralelamente, os membros do grupo puideron percorrer algúns dos lugares que conforman a Ruta dos Fornos de Celavente, coñecer as instalacións dunha das adegas da comarca e visitar o Mosteiro de Xagoaza. “Ao final, a cultura do viño está compendiada por diferentes factores entrelazados e quixemos amosar a nosa idiosincrasia”, sintetizou García Pando.

 

 

[arriba]

Novas Anteriores