06 Mar 2023

A “Guía de viños destilados e augardentes de Galicia 2023” distingue 164 referencias de Valdeorras

Fotografía da cata de Gallaecia celebrada en 2022

Un ano máis, os brancos e tintos valdeorreses veñen de obter un gran número de recoñecementos na prestixiosa Guía dos Viños, Destilados e Augardentes de Galicia. Na súa última edición, correspondente ao ano 2023, a publicación distingue co selo “Grande Ouro” un total de 23 referencias do noso territorio amparado (12 de branco e 11 de tinto).

A D.O. Valdeorras sitúase, así, á cabeza das denominacións de orixe ourensás en número de recoñecementos “Grande Ouro” na última edición da guía, empatada con outro territorio amparado que se empraza parcialmente na provincia de Ourense (o da Ribeira Sacra).

Un total de 12 brancos e 11 tintos da comarca foron recoñecidos co selo “Grande Ouro” desta prestixiosa publicación, que contén máis de 1.300 fichas de cata de viños e destilados de toda Galicia

Distincións noutras categorías
Xunto a isto, 32 viños da comarca son recoñecidos coa enseña “Ouro +”; 79 coa de “Ouro” e 30 coa de “Prata”. “En total, son 164 referencias da comarca distinguidas nesta prestixiosa guía, que cada ano que pasa se vai consolidando como o referente editorial máis prestixioso do viño en Galicia”, destaca José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador.

“O elevado número de referencias de Valdeorras resaltadas pola publicación é unha evidencia clara de que os nosos viticultores e adegueiros están a realizar un gran traballo na procura de viños dunha gran calidade, premisa que constitúe o emblema da nosa produción”, engade.

A Guía de Viños, Destilados e Augardentes de Galicia 2023 conta con máis de 540 páxinas nas que se inclúen fichas técnicas de máis de 1.300 produtos galegos        -tanto de viños como de destilados ou augardentes- procedentes de 500 adegas ou destilerías. Xunto á descrición de referencias e ao medalleiro, a publicación contén un mapeo xenético das principais variedades de uva galegas indicando, tamén, a súa distribución xeográfica.

Para a elaboración desta obra, activáronse 22 paneis de cata nos que participaron 44 profesionais.

[arriba]

Novas Anteriores