11 Dec 2020

A Guía de Viños de Luis Paadín distingue con “Gran Ouro” 21 referencias de Valdeorras; con “Ouro” 80, e con “Prata” 40

A Guía de Viños, Destilados e Augardentes de Galicia 2021 foi presentada esta mañá na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras por Alejandro Paadín, membro do equipo que elabora a publicación. No acto, que contou coa presenza do presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, púxose en valor que este ano a Guía distingue con “Gran Ouro”, o máximo recoñecemento da publicación, un total de 21 referencias valdeorresas. Co selo de “Ouro” cualifícanse 80 viños e co de “Prata” un total de de 40.

Tal e como destacou Alejandro Paadín no acto, “este foi o ano no que máis viños de Valdeorras se cataron de cara a elaborar a Guía”. Segundo sinalou tamén “os grandes ouros outorgados amosan a gran diversidade dos viños da comarca e as mellores puntuacións foron recibidas por referencias moi ben estruturadas e instensas, pero tamén por outras elaboradas a partir de variedades máis delicadas e suaves”. Neste sentido, destacou especialmente os “viños de parcela” como singulares do territorio amparado.

A nova edición desta publicación especializada foi presentada esta mañá na sede do Consello Regulador

Un referente divulgativo
Pola súa banda, José Luis García Pando agradeceu ao equipo que fai posible a publicación que non detivera o seu traballo “malia as dificultades derivadas da pandemia, nun ano tan complicado para o sector”. Ao tempo, puxo en valor que cada vez máis referencias valdeorresas son distinguidas nunha Guía “que xa é todo un referente de divulgación enolóxica en Galicia”.

A Guía de 2021 de Paadín ten editado 21.000 exemplares e consta de 480 páxinas a todo cor. Exenta de publicidade, para a súa elaboración catáronse máis de 1.500 referencias de viños e destilados galegos procedentes de 500 adegas emprazadas en todos os territorios amparados galegos. A publicación contén non só fichas de produto, senón tamén mapas climáticos e pluviométricos dos últimos catro anos de cada denominación de orixe.

 

 

 

 

 

 

Distincións Gran Ouro

As referencias (e adegas) distinguidas coa Medalla Gran Ouro na presente edición da Guía de Viños, Destilados e Augardentes de Galicia son as seguintes:

 

ü 200 Cestos de A Coroa 2018

ü A Coroa Lías 2019

ü As Sortes do Val do Bibei 2018

ü Avancia 2019

ü Fardelas de Viñaredo 2019

ü Finca Trasdairelas 2018

ü Godeval 1986 – 2017

ü Guitián +50 Meses 2014

ü Guitián Fermentado en Barrica 2018

ü Luar do Sil Fermentado en Barrica 2016

ü Luar do Sil Lías 2017

ü Sorte O Soro 2016

ü A Villeira As Ermitas 2018 (tinto)

ü Escada 2017 (tinto)

ü Escada Lembranzas 2017 (tinto)

ü Lagar Do Cigur Mary Guinzo 2015 (tinto)

ü O Cabalin 2017 (tinto)

ü Tesouro 2016 (tinto)

ü Sampayolo Garnacha Tintorera 2019 (tinto)

ü Traste 2017 (tinto)

ü Vella Chaira do Ramiriño 2017 (tinto)

 

 

 

 

[arriba]

Novas Anteriores