14 Dec 2018

A “Guía de Viños” de Luis Paadín distingue 118 marcas de 34 adegas valdeorresas

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, cualificou a “Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia” de Luis Paadín, cuxa edición de 2019 foi presentada hoxe na comarca, como “un referente” dos viños galegos”. Segundo sinalou, ten por tras “un traballo moi serio e riguroso que se evidencia, por exemplo, en que non admite publicidade de ningún tipo”

A edición do vindeiro ano contén 1.010 fichas de cata de viños de toda Galicia. No caso do territorio amparado valdeorrés, son 118 as marcas distinguidas procedentes de 34 adegas (19 Gran Oro, 67 Oro y 32 Plata), case o 80% do total, o que –segundo García Pando- “evidencia o poderío e a calidade dos nosos viños”.

A nova edición desta publicación especializada foi presentada esta mañá na sede do Consello Regulador

Tendencia á alza dos viños catados
Pola súa banda, o coordinador da publicación, Luis Paadín manifestou na presentación que a Guía de 2019 é o resultado dun intenso ano de traballo de cata, documentación e redacción. Segundo se detalla na publicación, cada ano apréciase con maior intensidade “a diferenciación de cada terruño baseada máis no viñedo e menos nas prácticas enolóxicas, sen dúbida un reflexo das tendencias internacionais”. No caso de Valdeorras cobran especial relevancia “os grandes viños obtidos en viñas vellas”, tal e como destacou Paadín.

O coordinador da publicación puxo en valor “o claro respaldo por parte do sector produtivo de Galicia” posto que se ten rexistrado nos últimos anos unha tendencia á alza dos viños catados, “aumentando aproximadamente nun 20% en cada nova edición da Guía”. A publicación conta con máis de 200 mecenas e da edición de 2019 téñense editado 2.000 guías, das que aproximadamente 1.100 xa están prevendidas.

 

[arriba]

Novas Anteriores