15 Xuñ 2022

A Feira do Viño de Valdeorras contará con catas comentadas e un completo programa de actividades paralelas para diferentes públicos

O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras abordou hoxe, de xeito case monográfico, a celebración da vindeira edición da Feira do Viño, que se terá lugar na praza barquense de Viloira durante a fin de semana do 9 e 10 de xullo. Para promocionar e organizar esta edición da feira, a primeira que se realiza tras un parón de dous anos ocasionado pola pandemia, aprobouse un acordo entre o Consello Regulador e o Concello do Barco de Valdeorras. Dende o Consello Regulador e dende o propio Concello do Barco estase a deseñar un completo programa de actividades paralelas para diferentes públicos, que inclúen catas comentadas sobre maridaxe dos viños comarcais con diferentes variedades de queixos ou pans, entre outros produtos autóctonos. Amais diso, celebrarase un obradoiro de iniciación á cata. Proximamente, desvelarase tanto o cartel ilustrador da feira como o programa completo de actos. O que xa se acordou é o prezo das copas durante a Feira, que será de dous euros e o das degustacións, de 1,75 euros. Se ben, haberá packs de aforro no caso de que se adquiran catro ou  máis degustacións. O horario de apertura dos stands das adegas será de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas durante o sábado e o domingo.

O Pleno do Consello Regulador aprobou hoxe un acordo de colaboración co Concello do Barco de Valdeorras para a organización da XXIII edición da Feira do Viño

Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras
 Previamente á celebración da Feira, é como é habitual, desenvolverase unha nova edición da Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras. Terá lugar na xornada do venres, 8 de xullo, e os premios entregaranse ese día pola noite no Paladium de Vilamartín de Valdeorras.

O día antes, nunha velada especial, entregaranse os premios da XXIII Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras, aberta ás diferentes adegas que participan na feira

O viño, protagonista absoluto
O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, quere animar a todos e a todas os galegos e aos residentes noutros puntos da península e mesmo de Portugal a visitar a comarca nunhas datas nas que o viño será o protagonista absoluto. “Non se arrepentirán -asegurá- descubrirán o auténtico berce do godello, cuns brancos envexables e uns tintos que cada vez gozan de máis prestixio e recoñecemento e, por suposto, todo isto no marco dunha paisaxe incomparable, cunha gastronomía autóctona e un patrimonio vitivinícola singular entre o que salientan as míticas covas”.

SONY DSC

[arriba]

Novas Anteriores