30 Mai 2015

A experiencia positiva da DO Valdeorras en Fenavin

2015-05-29 Stand-en-Fenavin-con-presidente-do-Consello

A Denominación de Orixe Valdeorras acudiu á edición de 2015 de FENAVIN, a Feira Nacional do Viño en Ciudad Real entre o 12 e o 14 de maio. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras apostou pola súa presenza nunha mostra imprescindible que, tal e como se encarga de destacar a propia organización desta, “se especializou no negocio exterior, unha proxección internacional que permite que a oferta vinícola española poida estar presente nos mercados máis importantes”. Deste modo, a institución ten delegacións distribuídas por todo o mundo: en 2013 traballaron 3.052 compradores procedentes de 58 países e a participación de 659 deles foi xestionada directamente pola organización. Realizáronse 166.790 contactos comerciais. Pero esa vocación polo negocio da iniciativa presta tamén un especial coidado cara ao comprador nacional. Tanto é así que na pasada edición foron 9.778 os que traballaron intensamente durante os tres días de feira”.
A D.O. Valdeorras compartiu esta iniciativa, vocación e obxectivos dun xeito especial coas outras denominacións galegas, Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Ribeiro.
Para José Vicente Solarat López, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, foi a súa primeira feira dende que accedeu recentemente ao cargo. Por iso valorou a efemérides dunha forma especial: “Que a túa primeira feira, e a primeira na que es polo tanto portador das bondades dunha denominación de orixe como a nosa, sexa unha das mostras máis importantes de Europa sempre é algo satisfactorio, moi satisfactorio. Facelo en compañía das nosas catro DO galegas irmás e dalgunhas das adegas que forman parte do noso organismo, e en vista tamén do excelente momento do viño galego e o recoñecemento a este, é unha satisfacción engadida”.
Solarat considerou “un auténtico privilexio” representar unha institución ancestral que xunta os valores dunha terra e as súas xentes e que, ademais, ten a extraordinaria posibilidade de “contar cun prezado tesouro. Dispoñemos unicamente de 30 millóns de copas, 14 delas do noso Godello, para todo o mundo”.

[arriba]

Novas Anteriores