09 Set 2015

A DO Valdeorras forma parte do plan de promoción do viño da Deputación de Ourense

Reunión en Vilamartin

Reunión en Vilamartin

    O Consello Regulador de Valdeorras foi a sede dunha nova reunión entre o responsable da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e os presidentes dos catro consellos reguladores da provincia: Miguel Ángel Viso de O Ribeiro, José Vicente Solarat de Valdeorras, José Manuel Rodríguez de Ribeira Sacra e Asunción Rodríguez de Monterrei. Este foi o segundo encontro dunha serie de reunións que están mantendo para planificar estratexias de promoción conxuntas. Nesta ocasión o presidente da Deputación, Manuel Baltar xa falou de tres liñas de traballo para os próximos anos: inclusión de partida económica nos orzamentos do organismo provincial, anteproxecto para un edificio, sede das denominacións na capital e creación dunha entidade de promoción de produtos agroalimentarios .

Reunión de los presidentes de los Consellos y el presidente de la Diputación de Ourense

Reunión de los presidentes de los Consellos y el presidente de la Diputación de Ourense

50.000 euros para cada DO nos orzamentos de 2016

    A proposta máis inmediata que anunciou o presidente da deputación, Manuel Baltar, foi a inclusión nos orzamentos 2016 do organismo provincial dunha partida de 50.000 euros para cada denominación de orixe. Baltar explicou que serán “200.000 euros para o sector na provincia e que se aprobará no pleno do 25 de setembro”. Ademais esta partida incluirase tamén nas contas de 2017, 2018 e 2019. O diñeiro será destinado “a aqueles proxectos que cada denominación considere oportunos”, explicou Baltar.

Anteproxecto para unha sede promocional en Ourense cidade

O presidente da deputación recalcou o valor do viño como un elemento integrador na provincia e polo que outro dos proxectos en marcha é a creación dunha sede promocional na capital para todas as denominacións ourensás. Baltar indicou que “nas próximas semanas farase entrega dun anteproxecto aos consellos reguladores para que eles poidan aportar ideas”. As previsións apuntan a que sexa unha realidade no 2019.

Creación dunha entidade de promoción de productos agroalimentarios

Aínda que non se coñece cal será a denominación exacta desta entidade, o obxectivo é a posta en valor da marca Ourense axudando na comercialización e posicionamento dos produtos agroalimentarios da provincia. De momento fíxose unha memoria técnica e continuarase traballando na creación desta entidade promocional,“ o clúster ou como se denomine será unha innovación na cooperación e visión integral da provincia”, explicou Manuel Baltar.

 

Brindando

Próxima reunión en Monterrei

    Despois do encontro celebrado o martes 8 de setembro en Valdeorras, o seguinte será na DO Monterrei no mes de decembro. A intención é presentar unha campaña cos viños da provincia de cara ao Nadal. O presidente do Consello Regulador Valdeorras, José Vicente Solarat, agradeceu o traballo posto en marcha dende a Deputación Ourensá e a colaboración entre as catro denominacións de orixe.

Soledad Figueroa

[arriba]

Novas Anteriores