A D.O. Valdeorras participa en Vinexpo compartindo stand cos outros catro consellos reguladores vitivinícolas e o de aguardentes e licores tradicionais galegos
Un total de 32 referencias valdeorresas, 18 brancas e 14 tintas, poden degustarse estes días en Vinexo, en París, na primeira acción de promoción conxunta levada a cabo pola Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das I.X.P. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA). Trátase da primeira vez que os viños e licores autóctonos galegos, amparados baixo diversos selos de calidade, se promocionan de forma conxunta no exterior.
Para Juan Gil de Araujo, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e de Acruaga, a habilitación en Vinexpo dun espazo expositor común aos seis consellos reguladores, posto en marcha co apoio do Igape, permitirá “crear sinerxias” entre os diferentes territorios amparados. Pola súa banda, o presidente da D.O. Valdeorras e vicepresidente de ACRUAGA, José Luis García Pando, afirma que esta iniciativa “longamente demandada” polo “sector vitivinícola galego” permitirá afrontar máis directamente “o reto da internacionalización” das “nosas adegas e destilerías”.
Os seis consellos reguladores que conforman ACRUAGA exhiben estes días diferentes referencias de produto nun stand compartido na feira vinícola máis relevante da capital francesa
Vinexpo
Vinexpo, o evento estrella do grupo Vinexposium, constitúe o primeiro gran encontro vinícola internacional do ano. O sector do viño e as bebidas espirituosas, que non se reunía en París dende hai case dous anos, recibiu este ano con gran expectación Wine Paris & Vinexpo Paris, que conta con 2.800 expositores de 32 países durante tres días.
España ocupa o terceiro lugar por tras de Francia e Italia, cun aumento da participación de todas as autonomías que participan neste gran evento dedicado á exportación, en particular Castela e León, Galicia e Castela A Mancha.