21 Dec 2017

A D.O. Valdeorras e ABANCA acordan alternativas de crédito para facilitar o financiamento a viticultores e adegas

O Consello Regulador Denominación de Orixe Valdeorras e ABANCA renovaron esta mañá a súa colaboración en materia financeira. O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, e o director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra Pedreira, rubricaron en Vilamartín un texto que escenifica o compromiso da entidade financeira cunha compoñente básica da economía produtiva da provincia de Ourense e cun sector estratéxico para Galicia: o vitivinícola No acto tamén participou o director de ABANCA Agro, Jesús Combarro Pereira.

O Consello Regulador da D.O.Valdeorras e ABANCA activan con este convenio alternativas de financiamento flexibles para facer fronte ás necesidades de adegueiros e viticultores durante os próximos meses, como por exemplo a póliza de crédito vitivinícola que pode estenderse ata cinco anos e que permite afrontar gastos correntes.

Os clientes da entidade financeira poderán acollerse ás liñas deseñadas pola Xunta para facer fronte aos gastos de campaña ou refinanciar pasivos bancarios

Liñas de axuda da Xunta
Ademais, nesta mesma área, os clientes da entidade financeira poderanse beneficiar das liñas de axuda que acaba de activar a a Xunta de Galicia, a través das cales adegueiros e viticultores poderán financiar os gastos de campaña e refinanciar os pasivos bancarios que venzan no próximos tres anos, con xuros ao 0%.

Doutra banda, este convenio complétase con outros produtos como a liña de financiamento de investimento cun prazo de ata 12 anos sen comisións, financiamento a través de leasing, liñas de confirming, liñas de comercio exterior para aquelas adegas con actividade exportadora ou anticipo de subvencións ou impostos.

[arriba]

Novas Anteriores