24 Mai 2016

A comarca de Valdeorras acolle este fin de semana a celebración das V Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño

Cartel V Portas Abertas ValdeorrasOs interesados en coñecer o inxente patrimonio natural, histórico e cultural dunha das comarcas con máis tradición vitivinícola de Galicia teñen unha cita esta fin de semana en Valdeorras. A comarca acollerá os vindeiros 28 e 29 de maio a celebración das V Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño, iniciativa promovida por Turismo de Galicia que foi presentada en Santiago o pasado 9 de maio nun acto que contou coa participación do presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García Álvarez.

Así, os visitantes poderán coñecer de primeira man as instalacións das oito bodegas da denominación de orixe que participan nesta iniciativa: Joaquín Rebolledo, A Coroa, Alán de Val, Godeval, Roandi, Virxe de Galir, O Cepado e O Casal.

Oito bodegas da D.O abrirán as súa portas aos visitantes na xornada do sábado 28 de maio: Joaquín Rebolledo, A Coroa, Alán de Val, Godeval, Roandi, Virxe de Galir, O Cepado e O Casal

Rutas
Establécense catro rutas diferentes con autobuses de balde que percorrerán diversos puntos da comarca. A primeira ruta, o sábado 28 pola mañá, ofrecerá a oportunidade de visitar e catar viños nas bodegas ruesas Joaquín Rebolledo e A Coroa. A ruta 2, que tamén se desenvolverá na mañá do sábado, permitirá aos visitantes coñecer as bodegas Alán de Val (na Rúa) e Godeval (no Barco).

Na ruta 3, na tarde do sábado, os interesados visitarán as bodegas Roandi e Virxe de Galir, na localidade de Éntoma (no  Barco). Finalmente, no marco da cuarta ruta, os visitantes poderán catar os viños do Cepado e do Casal, na localidade de Rubiá.

As persoas que queiran participar na xornada de portas aberta poden reservar a súa praza no autobús de balde enviando un email a valdeorrasvino@gmail.com ou chamando ao 619 086 326.

Autobuses desde Ponferrada e Lugo
O domingo 29, como novidade este ano, o transporte de balde tamén partirá desde as cidades de Ponferrada e Lugo para atraer visitantes destas dúas localidades. Os visitantes de Ponferrada partirán ás 11 da mañá da Praza Fernando Miranda. Visitarán as bodegas Roandi no Barco e Joaquín Rebolledo na Rúa.

No caso da cidade de Lugo, o punto de recollida será na estación de autobuses ás 10 h. da mañá. As bodegas que se visitarán será O Cepado en Rubiá e A Coroa na A Rúa. As reservas das prazas nos autobuses poden facerse, igualmente, chamando ao 619086326 ou enviando un correo a valdeorrasesvino@gmail.com. 

Descontos en locais
Xunto a isto, no marco da iniciativa diferentes establecemento de restauración e aloxamento ofrecen descontos especiais aos visitantes: Pazo do Castro, Casa Rural Pacio do Sil, Mesón Museo ou Restaurante Piquiño. Trátase de locais integrados na Ruta do Viño de Valdeorras.

Ademais, en colaboración co Concello do Barco, celebrarase unha nova edición da Festa de Portas Abertas. Un encontro no que se ofrecerán pinchos e viños da zona, a un prezo especial de 1,5 euros por copa, nas beiras do Sil (no paseo do Malecón), con música incluída a cargo do grupo valdeorrés Los Iñigos.

Diversos locales de restauración e aloxamento ofrecen descontos especiais na fin de semana: Pazo do Castro, Casa Rural Pacio do Sil, Mesón Museo ou Restaurante Piquiño

[arriba]

Novas Anteriores