12 Abr 2019

A arte da poda en Valdeorras: tres puntos de vista

Aqueles que están familiarizados co ciclo da vide, saben que o da poda é un dos traballos máis relevantes de cantos se realizan nas cepas. Máis ca un labor, a poda é mesmo considerada unha arte por moitos dos que se dedican ao mundo do viño: unha arte que consiste en saber interpretar a vide, dándolle en todo momento o agarimo e atención que necesita.

Sen dúbida, esta arte require dun certo punto de sensibilidade. E exercela ben precisa tamen de experiencia. Así o asegura Pío González, viticultor natural de Vilela (no Concello da Rúa de Valdeorras), que leva nada máis e nada menos que 55 anos dedicado ao eido do viño.

Pío posúe 4,8 hectáreas de terreo no noso territorio amparado e este ano xa rematou a poda, labor no que investiu “unhas catro ou cinco semanas”. “Para min, a poda é importantísima posto que é a base fundamental para que en anos vindeiros se poida seguir cultivando a vide”, sinala.

Poda en espaldeira
Este viticultor, que posúe viñedos en vaso e espaldeira, sinala que a poda “é máis doada” de realizar na segunda modalidade de plantación. Ao respecto da poda e doutros traballos relacionados coa vide, García considera que en Valdeorras “se avanzou moito co paso dos anos, se ben aínda hai marxe de mellora”.

Neste sentido, considera que “favorecería moito a maduración da uva, que en Valdeorras se fixese máis desfolla sobre o naciente, algo que apenas si se realiza nesta zona”.

Limpeza previa
Menos anos na viticultura pero igual entusiasmo amosa Daniel Vizcaya cando fala do seu traballo. É titular dende hai sete anos de preto de oito hectáreas de terreo, todas elas en Chandoiro (no Concello do Bolo), que producen preto de 80.000 quilos de uvas anuais.

Vizcaya sinala tamén ter xa rematado coa poda este ano. “Como tivemos que facer moita limpeza previa, debido ao mildeu e a outras infeccións que houbo o ano pasado e fixemos moita poda en verde, o traballo da poda propiamente dita fíxose máis sinxelo”, asegura. “Isto é así porque o que xa cortaches antes, non o tes que cortar despois”, engade.

Daniel botou máis de cinco semanas podando. “Non é un traballo que fixera de continuo, e é moi difícil cuantificar o tempo que me levou, pero aproximadamente sería pouco máis dun mes”, afirma.

En canto a como será a campaña deste ano en Valdeorras, o viticultor do Bolo asegura que aínda é cedo para facer un pronóstico. “Estiven comprobando que xa hai brotes, xa se marcan os acios”, indica. “Facía falta auga e está vindo agora, se non chovera si que poderiamos ter un ano problemático”, conclúe Vizcaya.

Unha poda rápida
Finalmente, Jorge Saá, responsable dos viñedos Telmo Rodríguez, emprazados no noso territorio amparado, agarda que non se produzan xeadas nesta época, como as acontecidas hai dous anos, que poidan danar as vides.

Os viñedos de Telmo Rodríguez ocupan aproximadamente unhas 30 hectáreas de terreo, a meirande parte delas localizadas en Larouco. “Rematamos a poda a comezos de marzo, bastante axiña e sen maior problema”, destaca Saá. “Temos uva en zona de viñas e de bancais. Nas primeiras é máis doado podar e sempre rematamos pronto. Na parte dos bancais, vai máis lenta a poda porque as brotacións adoitan ser máis tardías e non se pode empregar podadora”, conclúe.

 

 

[arriba]

Novas Anteriores