08 Mar 2023

8 de marzo na D.O. Valdeorras: O punto de vista de tres mulleres que fan posible o viño

Unha viticultura, unha adegueira e unha enóloga da comarca comparten connosco as súas inquedanzas e relatan o relevante papel feminino na elaboración e comercialización dos brancos e tintos da zona

Este mércores, 8 de marzo, conmemórase o Día Internacional da Muller. Unha xornada para reivindicar o relevante papel feminino no proceso de elaboración e comercialización dos nosos viños. Unha viticultura, unha adegueira e unha enóloga que desenvolven a súa actividade profesional en Valdeorras cóntannos a súa experiencia como mulleres dentro do sector.

Raquel Vizcaya, en una de sus viñas en Chandoiro (O Bolo).

Raquel Vizcaya, viticultora de Chandoiro (O Bolo) é filla, sobriña, neta, bisneta e, mesmo, tatarenata de viticultoras. A súa historia familiar amosa, segundo ela mesma indica, que “as mulleres foron e continúan a ser cruciais na viticultura valdeorresa”. Para ela, o papel feminino foi clave para contribuir a posicionar a D.O. Valdeorras “no punto de prestixio e recoñecemento co que conta hoxe por hoxe”.

Esta viticultora afirma que o traballo na vide debe ser, ante todo, “respectuoso coa biodiversidade da que somos parte”. “A viña é a paisaxe económica de Valdeorras e as cepas, vellas e novas, son o presente e o futuro”, engade. E afirma que ese debe ser o legado que hai que deixar para a seguinte xeración de mulleres.

María Teresa López, en su bodega en Vilamartín.

Pola súa banda, María Teresa López, propietaria da Adega O Cabalín, emprazada en Vilamartín de Valdeorras, afirma que as mulleres empresarias no eido vinícola “avanzaron moito, pero aínda lles queda moito camiño”. Cre que as adegueiras valdeorresas e galegas están ao nivel das do resto de España, que neste sentido non hai diferenza. Tamén quere animar ás máis novas a emprender no eido adegueiro malia que recoñece “que o camiño non é doado”. Porén, “se teñen ilusión e un proxecto na súa cabeza seguro que o acadan, aínda que deben ter en conta que non se pode correr no mundo do viño”, afirma.

Finalmente, a enóloga Elisa Pérez, da Adega da Pinguela (Petín), destaca que “cada vez hai máis mulleres no eido da enoloxía” pero que éstas aínda non ocupan “demasiados postos de xestión de dirección”. Ao seu xuizo, moitas mulleres neste campo dedícanse sobre todo a traballos de laboratorio ou a tarefas máis administrativas (libros de adegas, etc), pero no que ten que ver co traballo en adega e co traballo en viña “no eido enolóxico, aínda hai moito por andar”. Para que as mulleres poidan ocupar estes espazos, aínda non conquistados no campo enolóxico, debe producirse -segundo opina- “un cambio cultural, similar ao que aconteceu por exemplo no mundo da alta cociña coa proliferación de multitude de chefs femininas”.

Elisa Pérez, en el interior de Adega da Pinguela, en Carballal (Petín).

[arriba]

Novas Anteriores